Por Galicia Confidencial | Compostela | 16/06/2016 | Actualizada ás 20:03
A Consellería de Sanidade confirmou este xoves a constatación do primeiro caso de malformación cerebral nun feto causado polo virus do Zika en Galicia, o que constitúe o primeiro caso de Zika conxénito na Comunidade.
Segundo informou Sanidade, a nai padeceu un cadro compatible coa enfermidade durante unha viaxe a Venezuela na oitava semana de embarazo, aínda que non se realizou ningún estudio microbiolóxico. No mes de abril, xa en Galicia, confirmouse que sufrira unha infección recente.
Aínda que o estudo ecográfico realizado na semana 12 de xestación non achou afección, o control da semana 19 descubriu "anomalías importantes do sistema nervioso central" do feto, compatibles co Zika. Ademais, detectouse RNA do virus no líquido amniótico.
Co visto bo do comité de ética, levou a cabo unha interrupción do embarazo na semana 21 e, a través da necropsia, constatouse a "importancia das lesións" no sistema nervioso central do feto, así como a presenza de RNA do virus no cordón umbilical e o cerebro.
O boletín Eurosurveillance da Unión Europea precisa que e, feto presentaba hidrocefalia bilateral, microcalcificacions cerebrais e artrogripose múltiple conxénita a causa da infección.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.