Por Galicia Confidencial | Santiago | 10/07/2016 | Actualizada ás 09:00
Galicia contará coa súa primeira microrreserva de anfibios. Serán cinco hectáreas de superficie no Concello de Coirós e de titularidade municipal, grazas ao acordo asinado entre o goberno municipal e a Fundación Fragas do Mandeo, que celebra con este fito o seu sexto aniversario. A concesión é por 50 anos para a creación da reserva de anfibios do Catorce, situado na aba oeste do monte de Pedra Partida. A importancia local deste enclave para os anfibios radica en que alberga 11 das 14 especies de anfibios galegas, e dúas máis foron localizadas nas proximidades, segundo investigadores do GIBE (Universidade da Coruña). A zona húmida ocupa a zona escavada dunha antiga canteira, que tras finalizar a súa explotación hai décadas naturalizouse de xeito espontáneo, segundo informa a propia fundación.
Este novo espazo de protección ten como precedente as microrreservas de flora creadas pola AGCT na montaña lucense, sendo esta a primeira microrreserva de anfibios de Galicia. As microrreservas son espazos protexidos ―oficialmente ou por iniciativa privada, como neste caso― con superficie normalmente inferior ás 20 hectáreas para conservar flora e fauna en pequenos enclaves. Porén, a lexislación galega non as contempla na súa rede de espazos naturais protexidos, a diferenza do que acontece noutras comunidades autónomas e no estranxeiro.
Fernando Bandín, presidente da Fundación Fragas do Mandeo, explica que “os anfibios son o grupo animal máis ameazado, polo que precisan de actuacións no ámbito local que garantan a conservación das súas poboacións. A canteira do Catorce é o mellor enclave que teñen no concello de Coirós".
ACTUACIÓNS
O principal traballo de Fragas do Mandeo será mellorar as condicións do hábitat da zona húmida e do arborado no resto do monte. A primeira fase de actuación será acometida con voluntariado ambiental, co obxecto de recoller lixo, eliminar a flora exótica invasora, xestionar a ramallada de eucalipto da última corta e secar os cepos dos que afillaron. As seguintes fases precisarán de financiamento externo ―o convenio non ten dotación económica― e contemplarán a sinalización, a reconversión das construcións abandonadas, a retirada de uralitas con amianto e a mellora dos niveis hídricos, entre outras.
Fernando Bandín que esta actuación "serva de modelo de aproveitamento da oportunidade de transformar explotacións abandonadas en refuxios para a nosa biodiversidade.”
Este é o segundo convenio que asina Fragas do Mandeo co Concello de Coirós. O primeiro acordo formalizouse en maio de 2015 e abrangue 9 hectáreas de monte na contorna do río Mandeo. Inclúe tres parcelas no monte da Espenuca, onde Fragas do Mandeo xa eliminou os eucaliptos e reforestou con árbores autóctonas a parcela que está na aba norte, xusto ó pé da capela.
CONVENIO COA UNIVERSIDADE DA CORUÑA
O pasado día 20, Fragas do Mandeo formalizou un convenio coa Universidade da Coruña polo que estudantes, dentro do programa lectivo e coa supervisión do profesorado, desenvolverán traballos en zonas custodiadas ou apadriñadas por Fragas do Mandeo, aplicando o método aprendizaxe-servizo, onde van asociados nun determinado proxecto o proceso formativo e o compromiso social.
No próximo curso académico terán lugar as reunións co profesorado para definir aqueles proxectos que redunden nun mellor coñecemento da biodiversidade local e dos procesos de restauración ecolóxicos en marcha, para así poder ser máis eficientes na recuperación dos espazos naturais.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.