Nova crise no empresariado galego

O presidente da CEG baralla dimitir tras os graves problemas de financiamento da entidade e ante o “acoso” do sector crítico apoiado polo PP. A entidade podería entrar en proceso concursal e iniciaría un ERE.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 21/07/2016 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

O presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Antonio Dieter Moure, leva días barallando a posibilidade de presentar a dimisión. Unha posibilidade que podería materializar nos vindeiros días ante a incapacidade de solventar os graves problemas económicos que sofre este órgano e que arrastra xa desde a época do anterior presidente, José Manuel Fernández Alvariño.

Antonio Dieter Moure
Antonio Dieter Moure | Fonte: crtvg.es

De feito, o principal atranco da CEG é a imposibilidade de conseguir un novo empréstito bancario por 1,2 millóns de euros para proseguir co funcionamento normal da entidade. Un préstamo ao que Abanca non acaba de dar o visto e prace xa que o volveu dilatar dous meses tras pedir novos documentos a esta entidade que tiveron que asinar os catro vicepresidentes.

A este importante atranco económico súmase outro non menos menor; a conxelación das achegas das Plataformas empresariais no exterior (Pexga) por parte do IGAPE, que dependen da Consellería de Industria.  Durante o polémico mandato do anterior presidente, José Manuel Fernández Alvariño, a CEG apañou máis de 4 millóns de euros por xestionar as oficinas de negocios na Xunta no exterior. Deses cartos, o IGAPE considera que a CEG debe devolver, ademais, máis de 600.000 euros por non estar os gastos correctamente xustificados.

O PP, co sector crítico

Unha conxelación e uns atrancos económicos que, segundo fontes consultadas, están impulsados desde o propio Partido Popular, que non acaba de asumir a presidencia de Diéter, tras impoñerse á candidatura de José Ramón Pérez Canal, máis afín aos intereses dos populares.

Os dous candidatos a presidir da CEG; Antonio Dieter e José Manuel Pérez Canal
Os dous candidatos a presidir da CEG; Antonio Dieter e José Manuel Pérez Canal | Fonte: teinteresa.com

Precisamente, Diéter convocou o pasado venres aos seus órganos directivos para atallar a división interna, ante as críticas dos presidentes de Ourense, Pontevedra e Lugo –que apoiaron a Pérez Canal-- ao actual plan de viabilidade, unha cuestión que dificultaba a posibilidade de ter acceso a financiamento bancario.

Así, aínda que á xunta directiva e comité executivo deste pasado venres só acudiu o presidente provincial da Coruña, Antonio Fontenla, --o único que apoia a Diéter-- os presidentes provinciais de Ourense, Pontevedra e Lugo -que aludiron motivos de axenda para non asistir- asinaron por escrito o compromiso de apoiar por unanimidade á CEG para que salga adiante.

Proceso concursal

Hai menos dunha semana, Dieter Moure negaba que estivera pensando en dimitir, aínda que admitía que "en todo posto hai esa posibilidade". Unha posibilidade que pode tomar agora máis corpo ante problemas económicos que parecen insalvables.

De feito, o presidendente da CEG volveu convocar aos órgnanos directivos da entidade para avaliar a actual situación e analizar as posibles solucións a esta nova crise.

E é que se o 31 deste mes non se solucionan estas dificultades, a CEG podería entrar en concurso de acredores e presentar un ERE que podería afectar a 10 dos seus 18 traballadores, ou mesmo a máis. Abriríase, ademais, unha nova etapa de inestabilidades neste organismo que podería acabar, definitivamente, en ruptura.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Sarto

Non tenho nin idea da CEG dende hai moitos anos nos que fixen algún curso de cantas cousas se lhe ocurrían aos que desenhaban a planificación dos susoditos. Dame a impresión que é unha crise moita máis profunda. O empresario que conheciamos antes, formaba parte dunha sociedade atrasada e provinciana cun forte arraigo clasista. O de "es de buena familia" escoiteno toda a vida por parte dos meus avós. Todo mudou e moito. Agora ao PP e mailo PSOE misturados coa xente "de buena familia", pero ladróns ó fin e ao cabo, xa non lhe tenhen respecto ninguén. Todos sabemos o que hai. Outra cousa é que nos ergamos contra deles. Non é is. É sabelo, telo moi claro e presente. pero deixalos ir cara ó inferno. Iso é a crise da CEG. Máis ou menos. Sabemos que hai excepcións, como sempre houbo.

1 Ourensán

É indubidable que unha parte do Partido Popular está a tratar de influír contra Dieter. O candidato perdedor -Pérez Canal - está ben relacionado co PP, empezando pola súa esposa, antiga concelleira ourensá con Cabezas, actual decana de Empresariales en la Uvigo e relacionada con algunhas familias populares. Pero tamén fortemente enfrontada a outras, co cal o apoio dunha parte do PP a Dieter tamén existe.