Por Manuel Vilas | Santiago de Compostela | 20/08/2016 | Actualizada ás 11:57
As primarias de En Marea serviron para moito máis que para referendar a Luís Villares como candidato a Xunta de xeito inapelábel. O xuíz obtivo máis do 86% dos votos dentro dunha participación que se pode considerar moi elevada, con máis de 10.000 sufraxios entre 13.400 electores potenciais.
Con todo, a confirmación de que as bases aplauden ao candidato escollido pola cúpula dos partidos que colaboran nas mareas non era a noticia máis agardada. O que esperaba todo o mundo dos resultados é que deixaran claro quen aporta máis músculo militante ás mareas. Quen, polo tanto, partirá no futuro dunha mellor posición para negociar novas alianzas ou, eventualmente, o reparto de consellerías nun goberno.
Este sábado, lóxicamente, cada forza interpreta os resultados para a súa comenencia. Dende o sector oficialista de Podemos están contentos porque Carme Santos gañou en Pontevedra e, en termos xerais, as dúas listas podemitas son os que copan máis postos de saída -os que dan un deputado segundo as enquisas- de entre todas as forzas.
Agora ben, este grupo tamén ten motivos para a preocupación. Por exemplo, o feito de que na Provincia da Coruña unha representante do sector crítico -o máis partidario de colaborar nas mareas e que conta co apoio dos deputados e de Madrid-, Luca Chao, fose a sgunda máis votada. Ou que quen ía ser candidata á Xunta por este grupo, Magdalena Barahona, só lograse un discreto cuarto posto na Coruña. Ademais, os podemitas terán moi complicado conseguir algún representante nas provincias do interior. En termos xerais, Lugo e especialmente Ourense mostráronse máis proclives aos nacionalistas.
Nestas provincias é onde pagaron máis a súa desunión. Cómpre lembrar uns 6.500 inscritos en Podemos participaron este verán no referendo para sumarse ou non ás mareas. Se todos estes podemitas votasen nas primarias de En Marea a unhas únicas listas de xeito coordinado, a cor morada debería ser moito máis frecuente nas candidaturas da confluencia do que é na actualidade.
Dende ANOVA tamén teñen motivos para a alegría e para a preocupación. Dous dos seus novos referentes públicos, Antón Sánchez e David Rodríguez, foron os máis votados na Coruña e Ourense. Con todo, os nacionalistas en teoría só teñen opción a sacar tres deputados, os dous citados e Eva Gutiérrez, terceira por Ourense. A nómina de nacionalistas nas candidaturas complétaa Paula Vázquez Verao, segunda por Lugo, e militante de Cerna, un pequeno partido nacionalista escindido de ANOVA.
Pola súa banda, Esquerda Unida logra colocar en postos de saída a polo menos tres persoas próximas. A deputada Eva Solla consigue a terceira posición por Pontevedra, Manuel Lago a terceira por Coruña e Ánxeles Cuña Bóveda a segunda por Ourense, aínda que finalmente irá de primeira debido a corrección de xénero aplicada.
Aos que non lle foron tan ben as cousas foron as mareas locais. O proceso das primarias respondeu en gran medida ao plan deseñado por elas no foro Mareas en Común, pero os resultados indican que os partidos están máis organizados para afrontar este tipo de primarias. En teoría, só Víctor Andrés Álvarez e María Isabel García parten de postos de saída en Lugo.
Agora ben, cómpre lembrar que moitos dos membros de partidos que si están en postos da saída son activos militantes nas súas mareas. Por poñer un exemplo, o produtor Pancho Casal de Podemos na Marea Atlántica da Coruña. Ou o activista Xoán Hermida, un dos referentes de Espazo - Equo, que asemade participa na Marea de Pontevedra.
Debido a este dobre perfil de moitos candidatos, os partidos e mareas locais deberían ter prudencia á hora de facer lecturas triunfalistas de certos resultados ou derrotistas doutros. Todos teñen motivos para a alegría e puntos para preocuparse.
A evidente pluralidade nos postos de saída demostra que moita xente non votou en bloque por determinada lista, senón que foi escollendo a certas persoas e desbotando a outras.
Iso si, non houbo grandes sorpresas nos primeiros postos. En xeral, canto máis exposición pública e traxectoria política dos candidatos, mellor lles foi. Un claro exemplo disto é Xosé Manuel Pérez Bouza, o ex-senador do BNG e ex-militante de Compromiso por Galicia que logrou a cuarta praza por Ourense malia non ter o apoio de ningún gran partido.
A Coruña
Antón Sánchez García
Luca Chao Pérez
José Manuel Lago Peñas
Magdalena Barahona Martín
Francisco Pancho Casal Vidal
Flora María Miranda Pena
Xan Xove González
Mariló Candedo Gunturiz
Carlos Palacios Suárez
Lorena Dapena
Daniel Alejandro Calvete Suárez
Iria Otero Romero
Gonzalo Rodríguez Rodríguez
María Antonia Trillo Blanco
Lugo
Luis Villares Naveira
Paula Vázquez Verao
Víctor Andrés Álvarez Arias
María Isabel García Díaz
José Manuel “Josito” Pérez Afonso
María Victoria Esteban Riesco
Bernardo Fraga Galdo
Natalia Prieto Fernández
Pontevedra
Carmen Santos Queiruga
Marcos Cal Ogando
Eva Solla Fernández
Juan J. Merlo Lorenzo
Paula Quinteiro Araújo
Xoan Hermida González
Julia Torregrosa
Mariano Abalo Costa
Noemí Martínez González
Juan Manuel Fajardo Recouso
Mar Blanco Casais
Marcelo Armendáriz Gil
Ourense
María de los Ángeles Cuña Bóveda
David Rodríguez Estévez
María Eva Gutiérrez Fernández
Xosé Manuel Pérez Bouza
Manuela Pérez Pérez
Ares Jiménez Soria
Rita González Pérez
Carlos Miguélez Soto
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.