Por Galicia Confidencial | Vigo | 05/09/2016 | Actualizada ás 11:12
Científicos do Programa de Pesqueiras Afastadas do Centro Oceanográfico de Vigo, do Instituto Español de Oceanografía (IEO), dirixen unha campaña de prospección pesqueira no Ártico nororiental, do 5 ao 25 de setembro, para determinar a abundancia, biomasa e estrutura da poboación do fletán negro (Reinhardtius hippoglossoides). A campaña, denominada 'Fletán Ártico 2016', será a número dezaoito da serie iniciada polo IEO no ano 1997 e realízase no marco do proxecto ECOPESLE-2 e a bordo do 'Eirado do Costal', un pesqueiro da frota conxeladora de altura, cuxa empresa armadora financia a campaña.
O principal obxectivo desta serie é obter os índices de biomasa e abundancia do stock de fletán negro (Reinhardtius hippoglossoides) na área de Protección Pesqueira de Svalbard, División IIb2 do ICES (océano Ártico nororiental), así como coñecer a súa distribución espacial e batimétrica e a estrutura da súa poboación. Outros obxectivos complementarios son obter datos de abundancia e distribución das principais especies acompañantes e o estudo das especies indicadoras dos ecosistemas mariños vulnerables.
A campaña comeza hoxe e prolongarase até o 25 de setembro cun equipo científico de seis persoas que investigará os caladoiros profundos do noiro occidental do arquipélago de Svalbard. Realizarase un número determinado de pescas de arrastre de fondo, supeditado á cota científica asignada polas autoridades norueguesas. Para facilitar os exercicios de comparación, a campaña seguirá o deseño de mostraxe das prospeccións norueguesas.
Como en anos anteriores, os seus resultados serán presentados ao grupo de traballo do ICES sobre as pesqueiras árticas. A continuación da campaña 'Fletán Ártico' supón unha ampliación do período temporal cuberto pola serie histórica española, o que permitirá unha maior utilidade dos índices obtidos ata o presente. Nos últimos anos, tanto estes índices como os das campañas rusas, norueguesas e polacas, mostran unha tendencia positiva na biomasa do fletán negro, un recurso de gran interese para a frota conxeladora. Tamén supón manter activa a investigación pesqueira española na Zona de Protección Pesqueira de Svalbard, no contexto dos acordos do tratado de París de 1920.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.