Por Galicia Confidencial | Compostela | 16/09/2016 | Actualizada ás 10:22
O presidente da Xunta en funcións e candidato do PPdeG nos comicios do 25S, Alberto Núñez Feijóo, saíu este xoves en defensa de quen foi un dos seus pesos pesados en Pontevedra, Rafael Louzán, ex presidente da Deputación de Pontevedra e ex presidente provincial do PpdeG, cargo que tivo que deixar pola súa imputación por cohecho continuado e suborno mentres era presidente do organismo provincial.
A pesar da súa situación xudicial –Louzán está a piques de ser xulgado--, Feijóo non tivo problemas en sentar ao seu carón nun mitin que tivo lugar este mércores en Cambados e aplaudir ao ex presidente provincial que tamén saíu ao estrado a pedir ao voto para el e o PP. “A persoa á que se refire non ten ningún cargo no partido”, dixo ao ser preguntado por GC. “Pero segue sendo militante”, preguntouselle. “ Supoño que será militante, non o sei”, respondeu, “estaba nun mitin e falou”.
Para tentar defenderse, Feijóo cargou contra os socialistas. “Onte houbo un mitin en Vigo e estivo o secretario xeral do PSOE. Alí estaban alcaldes, concelleiros imputados”, dixo sobre a implicación destes na Operación Patos. “Se poden falar aqueles que están na vida pública, exercendo cargos, pero imputados, non vexo a proporcionalidade que fale xente que non ten xa ningún cargo político, público e ningunha responsabilidade”, engadiu sobre Louzán.
O presidente galego en funcións dixo isto xusto despois de defender a decisión adoptada pola ex alcaldesa de Valencia, Rita Barberá, de abandonar o PPdeG pero sen deixar a súa acta como senadora. “Decidiu abandonar o partido, decisión que comparto, e a nivel persoal terá que dar as decisións que considere oportunas”, engadiu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.