Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/09/2016 | Actualizada ás 13:02
Xoaquín María Fernández Leiceaga (Noia -A Coruña-, 1961) é o candidato do PSdeG á Presidencia de Xunta tras vencer nunhas primarias internas a José Luis Méndez Romeu en maio deste mesmo ano. É doutor en Ciencias Económicas pola Universidade de Santiago de Compostela, onde é profesor de Economía aplicada, e a nivel político chegou a ocupar a portavocía parlamentaria do seu partido.
Nos comicios do próximo domingo, aos que concorre por primeira vez como aspirante á presidencia, Leiceaga porá a proba a resistencia da súa formación fronte a novas forzas políticas que irromperon con forza no ámbito da esquerda. Ademais, o resultado electoral condicionará en boa medida o que aconteza no seu partido a nivel orgánico, cun congreso que se celebrará despois do federal.
Amante do deporte e a natureza e admirador de políticos como o presidente de Estados Unidos, Barack Obama, e Olof Palme, o exprimer ministro socialdemócrata de Suecia que foi asasinado en plena rúa, sinala calquera praia de Porto do Son (A Coruña) e as illas gregas como lugares onde podería perderse.
Estas son as respostas a un cuestionario persoal formulado por Europa Press:
1.- ¿Como cre que o definiría un familiar ou un amigo? Pois supoño que dependerá do familiar ou do amigo ao que lle pregunte.
2.- ¿Quen é o seu ídolo? ¿Un político que admire? Non teño ídolos. Barack Obama ou Olof Palme.
3.- ¿Cantos idiomas fala? Podo facerme entender en cinco.
4.- ¿Verbena ou discoteca? Primeiro verbenas, despois discotecas, e agora ningunha das dúas cousas.
5. - Elixa: 'Ao compás dunha muiñeira', de Pimpinela; 'Galicia Caníbal', dos resentidos; ou 'Pandeirada sideral' (Hai un galego na lúa), de Zapato Veloz. 'Galicia Caníbal'.
6.- ¿Estación favorita do ano? Verán.
7.- ¿Ten mascota ou ten ao seu coidado algún animal? Non.
8.- ¿Con quen lle gusta compartir os momentos de ocio? ¿Tivo algún verán 'tolo'? Coa miña muller. O máis estraño, este, facendo campaña.
9.- ¿Canto favorito de Galicia? ¿E de fóra de Galicia para perderse? As praias de Porto do Son e as illas gregas.
10.- ¿Hai algún obxecto do que non se separa dende a infancia? ¿E recente? Unha estilográfica que me regalaron cando tiña sete ou oito anos. Agora, do meu teléfono móbil.
11.- ¿No colexio foi 'popular'? ¿Ten algunha vocación frustrada? Supoño que si que o fun. Ser avogado, como o meu pai.
12.- Na súa vida política, ¿cal é a anécdota 'friki' que nunca esquece? Unha vez que o PP votou en contra dunha iniciativa nosa que era o texto literal dunha súa.
13.- ¿Imprime as fotos ou prefire os 'selfies'? Non imprimo fotos e tampouco adoito facer 'selfies'. Descargo as fotos no ordenador e arquívoas en discos duros.
14.- ¿A súa ideoloxía política fíxoo perder algún amigo? Arrefriou algunhas amizades.
15.- ¿Algunha vez tivo problemas para chegar co fin de mes? Algunha vez tiven que axustar os gastos para poder chegar.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.