Cal é o futuro das valiosas obras de arte do Centro Gallego de Bos Aires?

A Xunta confirma que o Goberno arxentino paralizou o traslado de valiosas obras pictóricas e escultóricas propiedade dos emigrantes ao considerar que son do seu patrimonio. Feijóo agarda solventar a situación porque “hai boa relación co Goberno arxentino”.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 29/09/2016 | Actualizada ás 17:00

Comparte esta noticia

O Centro Gallego de Bos Aires ten a maior colección de arte –entre obra escultórica e pictórica-- que conserva unha asociación galega no exterior. Entre ese valioso fondo hai pezas de Castelao, Seoane o Laxeiro, entre outros artistas. Pero o seu futuro é incerto.

Centro Galego de Bos Aires
Centro Galego de Bos Aires | Fonte: wikipedia.

Tal e como xa informou GC, a nova dirección do Centro Gallego valorou a posibilidade de vender este patrimonio para sufragar as débedas que ten este entidade e as que arrastra o Hospital que naceu ao abeiro deste centro o pasado século – e que agora xa non forma parte del--. Así o  denunciaron varios colectivos de emigrantes, entre eles, o presidente da Federación de Asociacións Gallegas en Argentina, Paco Lores.

Ademais, criticaron que a Xunta e o Goberno arxentino estaban negociando para levar estas obras a Galicia. Sen embargo, o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo descartou este xoves esa posibilidade porque, dixo, o Goberno arxentino considera que é parte do seu propio patrimonio.

Traslado a Galicia

Sen embargo, Feijóo confirmou que hai conversas co Executivo de Macri sobre o futuro desas obras. “Forma parte da nosa historia”, dixo ao suliñar que a súa intención era trasladar todas as pezas a Galicia, “aínda que o Goberno arxentino impediuno”.

En todo caso, advertiu que esas obras de arte non poden servir para salvar as débedas dun hospital que agora, dixo, xa non pertence á colectividade, senón ao pobo arxentino porque “alí se atenden a máis arxentinos que a galegos”. Por iso, insistiu en que se vai tentar conservar ese patrimonio, “que está catalogado e inventariado”, e “respectando a soberanía de Arxentina”.

A pesar de todo, o presidente da Xunta agarda solventar esta situación –é dicir, poder trasladar esas obras a Galicia-- porque “hai boa relación” co Goberno Arxentino.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta