Por Galicia Confidencial | Galicia | 04/10/2009 | Actualizada ás 12:08
Na aplicación destes dous Decretos concedeuse autorización administrativa a uns 4.200 Mw, que son explotados por empresas que nun 95% teñen a súa sede social fóra de Galiza.
Ámbolos dous decretos tiñan un curioso mecanismo de transmisión de dereitos que permitiu moitos negocios rápidos e cuantiosos, pois non existía obriga algunha de ter realizados investimentos.
Este procedemento suscitou unha demanda de información por parte da fiscalía ante supostas irregularidades. Daquela coñecemos como un promotor, usando unha rede dunhas 40 empresas, cun só traballador, conseguía autorizacións administrativas para parques eólicos e concesións de minihidráulicas. Mesmo recibiu estes dereitos co Goberno do PP xa en funcións no ano 2005.
Esta actuación da fiscalía provocou un debate no seo do Grupo Parlamentar do BNG sobre a necesidade dunha Comisión de Investigación para clarificar as responsabilidades políticas se as houber. Mais daquela -que errados estabamos!-decidimos pasar páxina e non reparar no pasado, estabamos convencidos de que a nosa obriga era gobernar mirando o presente e cara o futuro.
O actual Decreto 242/2007 foi aprobado polo Goberno BNG-PSOE, con importantes modificacións sobre os anteriores. Realizouse un concurso público de 2.325 Mw de potencia para o período 2008-2012, cun baremo público. Entre outros criterios avalíanse os investimentos en empresas e tecnoloxías, os postos de traballo permanentes xerados, a participación pública e os acordos coa propiedade dos terreos afectados.
Asemade, nese Decreto, exclúese taxativamente a implantación de novos parques na Rede Natura e tamén, para evitar a especulación anterior, só se permite a transmisión das autorizacións administrativas cando o parque eólico estea executado na súa totalidade. En definitiva: transparencia fronte a opacidade e interese público fronte ao privado.
Para o concurso eólico promovido polo BNG no anterior goberno galego presentáronse solicitudes por arredor de 30.000 Mw; seleccionáronse 25 proxectos que obteñen os megawatts do Concurso e cunha lista ordenada de agarda para suplir aos que non cumprisen os seus compromisos.
Entre os promotores dos proxectos admitidos a trámite atopamos as caixas de aforro galegas, empresas do sector conserveiro, do sector enerxético, da construción, da madeira, da distribución de alimentación, cooperativas de leite, etc.. Todo un conxunto de industrias diversas, moitas ligadas a sectores produtivos galegos e con sedes sociais no noso País.
Por cesión voluntaria dos promotores, o Goberno Galego xestionaría o 14,22% do capital dos novos parques, alén disto, a práctica totalidade dos proxectos recollía unha porcentaxe de participación sobre a facturación bruta anual de entre o 1% e o 3% para os propietarios dos montes.
Agora a paralización deste concurso supón o freo dun investimento de 2.325 millóns de euros no período 2009-2012, se consideramos que o custe de instalación dun megavatio, de media, é dun millón de euros. Máis tamén este proceso levaba aparellado a realización de investimentos en proxectos de desenvolvemento por unha contía estimada de 1.300 millóns de euros que suporía a creación de varios milleiros de postos de traballo na nosa terra.
Tiñamos a posibilidade de pór os recursos enerxéticos do País ao noso favor: que a auga, o vento, a biomasa, etc, deixasen a súa pegada no desenvolvemento económico de Galiza.
Sorprende que o Goberno do PP (sen que ningún tribunal dixera nada -morreu Montesquieu?-) alegase como suposta tacha de ilegalidade do Concurso o feito da participación pública, cando en parques xa en funcionamento, o Inega ten entre o 3% e o 4%, como é nos Parques de Sistemas Enerxéticos Mañón Ortigueira, Sistemas Enerxéticos Chandrexa, Enerxías Especiais de Careón, Parque Eólico de San Andrés, Enerxías Ambientais das Somozas, e mesmo no Parque de Sotavento a participación do Inega é do 30,5%.
Agora xa sabemos con clareza o que pretende o PP mais, neste contexto, o PSOE ten que se clarificar sen máis demora e abandonar definitivamente a indefinición e a ambigüidade. O PSOE tivo unha visión curtopracista e cativa en todo este proceso. O seu actual portavoz de industria e alcalde das Pontes que, curiosamente, é o xerente de Iberdrola en Galiza, defende as mesmas argumentacións que sostén o PP para ir contra este Concurso.
Para rematar, e aprendendo do pasado recente, sería preciso que, no momento que o BNG volva ter capacidade de goberno, solicitase unha investigación sobre o actual proceso de acoso e derrube do Concurso Eólico, para que aqueles que están hoxe a tomar decisións en contra da nosa economía dun xeito tan irresponsábel como interesado non queden sen asumir, de ser o caso, as súas responsabilidades a todos os niveis.
Fernando Blanco Parga é ex-deputado do BNG responsable de enerxía.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.