Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 06/10/2016 | Actualizada ás 16:47
Axentes de Vixilancia Aduaneira rexistraron durante a mañá deste xoves varias vivendas da súa familia e un despacho relacionado co ex-alcalde do PP de Ribadumia José Ramón Barral, coñecido como Nené Barral, no marco dunha investigación relacionada co branqueo e o contrabando.
Fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmaron que o operativo se desenvolveu a petición do xulgado de Instrución número 1 de Lugo, que dirixe a maxistrada Pilar de Lara, en relación a supostos delitos de branqueo de capitais e contrabando.
En concreto, os axentes rexistraron varios domicilios situados nas Rías Baixas e un despacho profesional na Coruña. Con todo, durante a xornada non se produciron detencións.
O ex-alcalde de Ribadumia do PP ten unha longa historia vinculada a presuntos delitos de branqueo e contrabando de tabaco. Xa en 2014, o Ministerio Público pediu para el oito anos de cárcere, unha indemnización de máis de 458.000 euros e unha multa dun millón de euros. Barral foi condenado por delitos fiscais en maio pasado, cunha pena menor dun ano
Nené Barral, o mentor político de Rafael Louzán, ex-presidente da Deputación de Pontevedra e actual presidente da Federación Galega de Fútbol, foi acusado de ocultar ingresos a Facenda e branquear capitais a través dunha sociedade nas Illas Virxes.
O branqueo de capitais tería sido argallado a través das súas fillas, que figuraban como titulares da empresa no paraíso fiscal, e dun cidadán chinés, que actuou como testaferro e que acabou confesando e aportando documentación sobre as transferencias ante o xulgado de Cambados. O fiscal sospeita que a orixe dos máis de dous millóns sacados por Barral do país é o contrabando.
Barral é tamén unha das grandes figuras do diñeiro negro do PPdeG. Este dirixente popular tivo que dimitir na primavera de 2001, despois de que a Garda Civil o colleu cun cargamento de tabaco e foi imputado por fraude e evasión fiscal.
A súa detención, xunto coa de Pablo Vioque —narcotraficante e militante de Alianza Popular—, puxo de manifesto que os negocios sucios e a corrupción política de determinados cargos do PP non eran algo anecdótico. Non foron os unicos cargos do Partido Popular vinculados en asuntos de tabaco ou de drogas. Así, Alfredo Bea Gondar, expresidente da cámara municipal de O Grove polos populares, foi procesado pola súa participación en operacións de miles de quilos de cocaína xunto ao avogado Pablo Vioque e outros narcotraficantes.
Precisamente, algúns destes cargos populares, como Nené Barral, utilizaron, segundo o xuíz que o condenou, a súa posición na Deputación de Pontevedra para realizar facturas por traballos nunca realizados. Unha destas facturas foi emitida a nome dunha empresa cuxos titulares eran persoas próximas do narcocontrabandista Baltasar Mouta Piñeiro. Mouta estivo asociado con Nené en negocios de tabaco, da mesma maneira que o narcotraficante Manuel Carballo Jueguen.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.