Por Galicia Confidencial | Compostela | 17/10/2016 | Actualizada ás 14:34
A Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) iniciou os traballos para renovación dos sistemas informáticos das oficinas de emprego a finais de 2015. Pero, case un ano despois, os paquetes informáticos seguen sen renovarse completamente porque o Goberno galego podería estar pensando en utilizar sistemas de pago, en concreto Microsoft, en detrimento do software libre.
É a denuncia que fai a CIG-Administración que asegura que xa se puxo en contacto coa AMTEGA para saber a que era debido o atraso na implantación do novo sistema e para que lles explicaran como vai ser este plan de mellora da infraestrutura. “Dende a AMTEGA, coma noutras ocasións, non obtivemos resposta ningunha. Chegáronos rumores de que se vai actualizar o sistema, mantendo a arquitectura actual e o software privativo de pago de licenzas a Microsoft”, denuncia este sindicato.
Así, critica que non se migrase a unha plataforma de software libre, de acceso universal e cun mantemento e mellora que podería desenvolverse de xeito local cun custo máis reducido. Por iso, alerta aos traballadores deste departamento que “se preparen” porque van ser utilizados como “coelliños de indias”.
Software libre
Nos últimos anos o software libre está gañando cada vez máis peso nos escritorios dos funcionarios da Administración Autonómica. Impulsado pola política de austeridade, moitos dos computadores públicos xa traen de serie o paquete de oficina libre, o antigo Open Office ou o máis actualizado Libre Office. Con todo, malia as súas promesas electorais, o Goberno Galego asemade segue apostando polo paquete privativo e de pago Microsoft Office en determinadas áreas.
Fai dous anos a Xunta pagou 1,9 millóns de euros anuais por tres anos para ter licencias de Microsoft tras anunciar que impulsaría os sistemas libres. Supuña 1,6 millóns menos que os 3,5 millóns que pagou en 2010 por esas mesmas licencias.
Con todo, o Goberno galego segue privatizando determinados servizos informáticos básicos, como é o da seguridade dos seus equipos. Así, hai unha semanas destinaba máis de medio millón de euros a unha empresa que se encargará de realizar auditorías técnicas de seguridade e vixilancia dixital e ciberintelixencia, entre outras funcións, co obxecto de reducir os riscos de ciberseguridade aos que está exposto o Goberno galego.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.