Cidadán que me contesta, sedicentemente diáfano: usa o señor de tanta pólvora que deixa todo perdido de fume. Talvez non haxa peor retórica cá da xeneralización unilateral nin peor filosofía cá do siloxismo con
ergo previo.
Aludía eu a Pérez Esquivel como -seguindo a súa lóxica- aparente imputable de connivencia co terrorismo, logo, asimilable a un filonazi; diría eu que a súa resposta confirma ambos supostos. E poderiamos seguir inferindo: xa que logo, igual se debía propoñer que lle sexa retirado o Premio Nobel da Paz; polo menos, que se lle prohiba a entrada en España. Cuxos gobernos e maiorías políticas non sei se debo deducir que son únicos depositarios da verdade posible e democrática con respecto ao problema / conflito / asunto vasco (quede coa versión que máis lle acaia).
Mire, ata me sabe mal dicirllo: con ese negar calquera discurso en contrario ou visión externa fanme vostedes evocar o tempo da autarquía e aínda, forzando a máquina, o "que inventen ellos" (ou aquel máis popular "esos que sabrán"). E non lle importe lelo unha vez máis, xa que máis dunha vez seguramente llo terán dito: estar contra a ilegalización de Batasuna (por consideralo obxectable en democracia e inadecuado para a resolución do caso) non converte a un, en absoluto, en connivente co terrorismo; do salto mortal equiparando tal posición a un modo de filonazismo xa non lle digo nada. Fágame o favor: isto é un argumento, sexa ou non compartido polo señor e quen opina parecido.
Definitivamente: saio deste asunto, sexa cal sexa o teor da resposta. Obviamente, Carlos Callón é un suxeito de dereitos democráticos; e sufriu unha entrevista en modo que considero pouco adecuado. Convido a todos a seguir este fío, sen manobras de distracción. Se queren, desde logo.