Kentaro, o lince ibérico que chegou a Galicia tras percorrer 2.410 km, morre atropelado en Portugal

O exemplar chegou a terras galegas a principios deste ano. Agora, foi atopado morto nunha autoestrada na zona de Maia, no Norte de Portugal

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 19/10/2016 | Actualizada ás 19:25

Comparte esta noticia

Era, seguramente, o lince ibérico máis mediático, coñecido por percorrer media Península Ibérica tras ser liberado nos Montes de Toledo o 15 de decembro de 2014. Kentaro, o lince ibérico que percorreu case 2.410 quilómetros até chegar a Galicia en febreiro pasado, morreu atropelado nunha autoestrada na zona de Maia, na área metropolitana de Porto, no Norte de Portugal, depois de ter percorrido mais de 3.000 quilómetros de estradas e camiños, segundo informa o xornal Expresso.

O lince ibérico Kentaro corre cara á liberdade tras ser solto nos Montes de Toledo
O lince ibérico Kentaro corre cara á liberdade tras ser solto nos Montes de Toledo | Fonte: Luis Suárez - WWF España.

Kentaro era un exemplar macho de lince ibérico (Lynx pardinus) que nacera no Centro de Cría en Cautividade de Silves (Portugal), en marzo de 2013. O 15 de decembro de 2014 foi liberado xunto ao seu irmán, de nome Khan, nos Montes de Toledo, como parte do programa de recuperación desta especie, unha das máis ameazadas do mundo.

Durante meses, o felino percorrerreu media Península Ibérica até chegar, a principios deste ano, a Galicia, tras percorrer nada menos que 2.410 quilómetros. Da súa peregrinación psoubemos grazas ao sistema de seguimento que levaba o animal nun colar GPS-GSM que aporta datos aos técnicos do proxecto Iberlince que seguen as súas pegadas, dentro do programa de reintrodución do lince ibérico. O seu paso por Galicia foi todo un fito, pois non se tiña constancia da presenza de linces ibéricos en terras galegas. A noticia, publicada por GC, converteuse nunha das máis lidas neste xornal no que levamos de ano.

Kentaro foi localizado na provincia de Ourense, a 367 quilómetros en liña recta do lugar onde foi liberado. Porén, o lince percorrera durante 412 días 6,5 veces máis a distancia que separaba o seu lugar de orixe como ser libre da súa ubicación cando foi localizado en terras galegas. A súa particular peregrinaxe a Galicia fíxoa polo norte, primeiro subindo por Madrid até Soria e A Rioxa, e logo atravesando Castela e León até Zamora e parte de Portugal, chegando a Ourense, dende onde continuou o seu percorrido, sendo o seu último destino o norte de Portugal.

A aventura de Kentaro é extraordinaria, non só por converterse nun fito no que se refire á presenza do lince ibérico en Galicia, senón tamén polo seu percorrido, xa que estes animais non acostuman a moverse máis aló dun radio máximo duns 40 quilómetros unha vez que son liberados. Pero hai exemplares que marcan a excepción, e un deles foi Kentaro, que iniciou a finals de 2014 a súa dispersión xuvenil, é dicir, a viaxe que fan os linces novos na procura dun territorio propio.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta