Por Xurxo Salgado | Compostela | 26/10/2016 | Actualizada ás 20:35
“O logotipo non ten nada a ver co de Mahou”. O vicevoceiro de En Marea na Cámara galega, Antón Sánchez, nega que a súa formación “copiara” o logo da cervexeira e suliña que se fixo tendo en conta o que significa este movemento político. O logotipo desta formación foi realizado por Numax Sociedade Cooperativa Galega que deixou ben claro o significado do mesmo cando a finais de agosto pasado saltou a polémica nas redes sociais.
Así, a M que caracteriza o logo fai alusión á “marea” que é o emblema desta formación, e o estilo dos paus desa M ten que ver coas ondas do mar, “en clara alusión á esa marea que representamos”, apunta Sánchez en declaracións a GC. Ademais, o M azul sobre un fondo branco alude á bandeira galega.
Por iso, En marea insiste que a súa imaxe gráfica “non se basea, nin ten nada a ver”, coa de Mahou logo de que o gabinete de avogados da cervexeira se puxera en contacto, a través do Parlamento de Galicia, con esta formación para pedir que "modifique" o seu logotipo co fin de "evitar a confusión" entra a marca cervexeira e a imaxe política, que "tanto se asemella".
“Estamos tranquilos porque non é unha cuestión que induza a confusión porque non ten nada que ver un grupo político cunha marca de cervexas”, apunta Sánchez que insiste en que o deseño está “perfectamente explicado” na campaña gráfica de en Marea. En todo caso, a coordinadora desta formación analizará esta cuestión para ver se procede o cambio ou non.
Con todo, Sánchez aclara que, polo momento, non hai denuncia “de ningún tipo”, senón unha comunicación e lembra que, sobre esta cuestión, xa hai “xurisprudencia” xa que o logo de En Marea non se utiliza para fins comerciais, senón políticos.
Denuncia ao PP extremeño
De feito, nas autonómicas do 2015, xa tivo lugar un caso semellante en Estremadura, aínda que neste caso houbo denuncia de por medio. Dous artistas presentaron unha querela contra o PP estremeño para reclamar a propiedade do símbolo que usaban os populares na súa campaña. Os irmáns Hernán e Rodrigo Pacheco Puig deseñaron e rexistraron o logo que usaba o PP co súa lema ''Hacemos Extremadura'', un deseño consistente en dous círculos concéntricos coas cores da bandeira estremeña co que os populares pretenderon romper cos estereotipos que rodean a Estremadura e fuxir así da landra e a cegoña.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.