Por Europa Press / Redacción | Madrid | 27/10/2016 | Actualizada ás 14:01
A voceira de En Marea no Congreso, Alexandra Fernández, reivindicou que esta forza política, tras as eleccións do 25 de setembro, "lidera a oposición", ao situarse como segunda forza política en número de votos, e advertiu de que tamén levará o Congreso "a alternativa" xunto coas demais "forzas do cambio", fronte ao que denominou o "Partido Único".
No seu discurso na sesión de investidura do candidato popular, Mariano Rajoy, Alexandra Fernández subliñou que "o primeiro síntoma da nova resposta cidadá viviuse en Galicia no ano 2003".
"Ese ano, a cidadanía galega percibiu con nitidez que o Estado non estaba alí para socorrela o día que o Prestige golpeou e arruinou as nosas costas. ¿Recórdao vostede, señor Rajoy?", interpeloulle ao entón ministro de José María Aznar e quen pronunciara a coñecida frase de "hilillos de plastilina" para referirse ao chapapote.
"Unha cidadanía viva que ao longo destes anos protagonizou manifestacións históricas en defensa da sanidade pública, da educación, contra a LOMCE e en defensa do sector lácteo, pesqueiro e do naval", continuou a deputada de En Marea por Pontevedra.
A voceira no Congreso de En Marea denunciou durante a súa intervención no debate de investidura "o golpe parlamentario" que deron o PP e o PSOE aliándose nun "Partido Único" a raíz "do medo" que lles causou a eclosión do 15M.
"GOLPE" NO PSOE
Ao seu xuízo, o presidente o Goberno en funcións, Mariano Rajoy, será investido como resultado do "golpe" dun PSOE que "foi cociñado a lume lento durante dez interminables meses para anular os resultados do 20D", nos que, segundo explicou, o electorado votou unha "rexeneración ética" e un "fin ao turnismo".
"Isto resultaba intolerable para os intereses dos poderes que vostedes serven, antitéticos aos da cidadanía do común. Así que manobraron para provocar a situación na que estamos", lamentou.
Alexandra Fernández remarcou a primeira "manifestación clara" do medo que protagonizaron PP e PSOE foi "cando o 15 de maio se encheron as prazas baixo o berro de democracia real".
A partir de aí promoveron "de inmediato a sucesión na Xefatura do Estado", "procederon á reforma constitucional do artigo 135 para dar amparo legal ás esixencias da Troika" e a última acción produciuse na sede socialista cando o Comité Federal do PSOE votou a favor de facilitar un goberno do PP cunha abstención na segunda votación.
"Demostrouse que para dar un golpe de Palacio resulta máis doado organizar a retirada forzosa dun dirixente político, que introducir a un señor con bigote e tricornio no Congreso", ha aseverado, ao tempo que criticou que o PSOE "abdicara" o seu papel de oposición para "evidenciarse como integrante de pleno dereito do Partido Único".
"CORPIÑO" DO 78
Fernández remarcou que o actual "movemento democrático non se atopa cómodo no corpiño do 78" no que, ao seu xuízo, permanece ancorado este sistema político que non entende un Estado plurinacional de "diferentes expresións". Nesta parte a voceiro aproveitou para denunciar a desatención que sufriu Galicia por parte do Goberno central.
A voceira de En Marea concluíu lamentando que o previsible goberno vaia "a volver aplicar submisamente os recortes ordenados pola Unión Europea, que impedirá que os pobos do Estado poidan decidir o seu futuro soberanamente, e que tratará de preparar un prato precociñado de novo consenso de elites". Aínda así, advertiu que En Marea "fará unha oposición contundente e que traerá á Cámara a alternativa que demanda a cidadanía" para rematar co "Réxime do 78".
RESPOSTA DE RAJOY
Mariano Rajoy respondeulle á deputada galega que non ía entrar en detalles nin sobre o futuro nin o pasado", despois de recordar as súas palabras na anterior sesión na que lle auguraba perder as eleccións en Galicia, onde o PPdeG de Alberto Núñez Feijóo revalidou a súa terceira maioría absoluta en setembro.
Ao que si lle contestou foi á situación descrita sobre o 78, ao respecto do que lle reprochou as súas críticas. "Moitas persoas tiveron que tomar decisións custosas, non era doado, fíxose aquí e fíxose ben", resaltou Rajoy, quen apoiou os seus argumentos en que el mesmo "non estaba alí".
O presidente do Goberno en funcións e candidato na investidura defendeu que ese acordo "trouxo liberdades e democracia" e permitiu a España "participar en institucións europeas". "Vostede non o recorda, vostede xa naceu cando estabamos en Europa e nun sistema de democracia e liberdades, cando aumentaba a renda per cápita e empezaba a haber un sistema de pensións mellor, un sistema educativo, onde estudou vostede", espetoulle á nova deputada, tras o que asegurou que lle "gustaba" o artigo 135 da Constitución -- o referido a estabilidade presupostaria--.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.