O galego tamén está no mundo

Política Lingüística pon en macha un programa destinado a fomentar entre o alumnado de educación secundaria a consciencia da diversidade lingüística e a erradicar os prexuízos existentes a respecto do galego.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 28/10/2016 | Actualizada ás 17:25

Comparte esta noticia

O galego tamén é mundo e o mundo é galego. Con ese obxectivo nace “O galego é un mundo: multiculturalismo e diversidade lingüística hoxe”, un programa da Secretaría Xeral de Política Lingüística, que botou a andar este venres coa colaboración do profesorado pertencente a equipos de dinamización da lingua galega.

Presentacin do programa 'O galego no mundo'
Presentacin do programa 'O galego no mundo' | Fonte: www.lingua.gal

Este programa, no que participan 12 centros educativos de ensino secundario, persegue fomentar a consciencia da diversidade lingüística e do muticulturalismo e contribuír a erradicar os prexuízos existentes a respecto do galego. Articúlase nunha serie de relatorios interactivos impartidos polo sociolingüista bengalí Anik Nandi, quen realizará unha análise contrastiva entre a realidade sociolingüística de Galicia e a da India.

Ademais, un dos obxectivos da iniciativa é impulsar o coñecemento doutras culturas e facelo en galego e en inglés. Dese xeito, os estudantes poden coñecer que o galego tamén pode ser unha lingua no mundo que é falada tamén na India.

Nesta primeira edición, “O galego é un mundo” chegará ao IES Félix Muriel (Rianxo), IES San Clemente (Santiago de Compostela), IES Carral, IES Manuel Murguía (Arteixo); IES Aquis Celenis (Caldas de Reis); IES Castro Alobre (Vilagarcía de Arousa); IES Carlos Casares (Vigo); IES Chano Piñeiro (Forcarei); IES Taboada Chivite (Verín); IES Cidade de Antioquía (Xinzo de Limia); CPI Plurilingüe Navia de Suarna e IES de Ribadeo Dionisio Gamallo. Os contidos deste programa están aberto a máis centros. Os interesados poden poñerse en contacto con Anik Nandi no correo aniknandi@gmail.com

O galego tan válido como o inglés

Durante a presentación, o titular de Política Lingüística da Xunta, Valentín García, destacou “o feito de que, en contra do que tendemos a pensar, o monolingüismo non é a norma da que os galegos nos saímos, senón que entre a metade e dous terzos da poboación mundial fala máis dunha lingua”. García Gómez insistiu na importancia de conseguir que as novas xeracións saiban apreciar o valor desta diversidade idiomática á que Galicia contribúe co seu idioma propio.

“O galego no mundo” estivo acompañado dunha xornada na que se falou de multilingüismo e multiculturalismo. Nela participaron Sabela Gil, coordinadora central dos equipos de dinamización da lingua galega; Manuel Núñez Singala, xefe do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago, que falou do “Papel da sociedade na modificación das condutas lingüísticas”, ademais de Anik Nandi, sociolingüista bengalí que desenvolverá o programa e que foi o encargado de expoñerlle ao profesorado os detalles relativos aos seus obxectivos e contidos.

Nesta mesa tamén interviu o directo de Galicia Confidencial, Xurxo Salgado,  que se ocupou de falar sobre a “visibilización dos programas de multiculturalidade e multilingüismo nos medios” e das súas “repercusións na sociedade global”. Así, explicou as diferencias que existen sobre esta cuestión nos medios do estado e nos das nacionalidades históricas.

O acto rematou cun recital de Nandi e Brais Fernández, dinamizador sociocultural e lingúístico integrante do dúo “Consello de Galegos Ilustres”, sobre “Poesía galega en bengalí”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta