Antártica, libre e salvaxe

Un trailer amosa a faciana máis amable da Antártida, un continente case virxe. Foi realizado por Xurxo Gago, científico galego que estivo traballando neste continente.

Por Galicia Confidencial | Antártida | 30/10/2016 | Actualizada ás 11:00

Comparte esta noticia

Axena presenta o trailer de 'Antártica, libre e salvaxe', unha peza audiovisual que forma parte da serie multimedia Nunatak (I e II), da que xa demos conta no GC, e que narra as aventuras e desventuras dun grupo de científicos que estudan as plantas que viven nos ambientes máis extremos do planeta.

Dous pingüinos na Antártida
Dous pingüinos na Antártida | Fonte: Xurxo Gago

Na actualidade, existen moitos intereses económicos e políticos sobre a Antártida, o último continente salvaxe, onde aínda a man do home non o cambiou todo. O Tratado Antártico establece que a Antártica é patrimonio da humanidade, libre de fins militares e económicos por parte de países e entidades privadas.

A Antártica é o continente máis frío, máis seco e máis inhóspito do noso planeta, e está moi ameazado polo cambio climático que pode cambiar drasticamente todo o seu ambiente. Alí, un grupo de científicos, entre o que se atopaba o galego Xurxo Gago, estiveron a estudar o efecto do incremento da temperatura nas súas plantas nativas utilizando cámaras abertas de quecemento, as cales aumentan a temperatura uns 2-3 graos nos días asollados. “O que aprendamos na Antártica axudaranos a entender os efectos do cambio climático no resto de rexións polares do mundo”, apunta.

Froito dese traballo acaban de presentar unha pequena peza audiovisual que pretende chamar a atención sobre a riqueza que atesoura esta parte do planeta. “Facer ciencia na Antártica non é unha tarefa sinxela, requírese unha capacidade loxística enorme, e unha importantísima colaboración internacional fundamental para poder obter resultados exitosos no continente máis extremo do mundo”, suliña.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta