Por Galicia Confidencial | A Coruña | 30/11/2016 | Actualizada ás 13:36
Unha nova metodoloxía para mellorar a diagnose e a planificación do tratamento do cancro de próstata baseada en algoritmos computacionais. Esta é, basicamente, a proposta que fai o equipo de investigación do profesor da Universidade da Coruña (UDC) Héctor Gómez, que vén de publicar nun artigo científico na revista Proceedings of the National Academy of Sciences (PNAS), a publicación multidisciplinar máis prestixiosa despois de Science e Nature, e unha das máis citadas en todos os campos da ciencia.
A idea está baseada nunha concepción computacional da medicina personalizada. Amosa como a imaxe médica, en combinación con algoritmos computacionais, pode predicir patróns de crecemento de tumores de próstata.
O modelo úsase para realizar a primeira simulación numérica a escala de tecido na anatomía dunha próstata extraída de imaxes médicas. O traballo é totalmente multidisciplinar e resulta de interese para urólogos, informáticos, matemáticos e enxeñeiros biomédicos, entre outros.
Héctor Gómez, profesor da área de Matemática aplicada na ETS. de Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos, conseguiu en 2012 a distinción Starting Grant do European Research Council, dotado con 1,4 millóns de euros para desenvolver o proxecto de investigación 'MuSIC. Modelado e simulación do crecemento do cancro', informa a UDC.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.