Mausiño, un novo viño galego experimental elaborado a partir da variedade ratiño

Viña Moraima e a Misión Biolóxica de Galicia presentan en Barro o novo caldo, froito dun proxecto de vinificación experimental de dous anos.

Por Galicia Confidencial | Barro | 02/12/2016 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

Mausiño non é un viño calquera. É o froito dun proxecto de vinificación experimental da cooperativa Viña Moraima en colaboración coa Misión Biolóxica de Galicia (CSIC) no que se experimentou coa variedade autóctona ratiño, catalogada hai dous anos e localizada en determinadas microviñas compostas por cepas moi antigas que se localizan no municipio de Barro (Pontevedra). Este xoves presentouse en sociedade no Pazo da Crega, culminando dous anos de investigacións e experimentacións.

Mausiño 2015, o novo viño galego experimental da cooperativa Viña Moraima, en colaboración co CSIC
Mausiño 2015, o novo viño galego experimental da cooperativa Viña Moraima, en colaboración co CSIC | Fonte: @GastroyPolitica.

A través do seu Grupo de Viticultura, a Misión Biolóxica de Galicia colaborou coa cooperativa vinícola na transferencia de material vexetal e no asesoramento de diversos aspectos desta variedade, da que se produciron 500 litros. De momento, Mausiño non vai ser comercializado por tratarse dunha clase de uva non incluída aínda no catálogo oficial de variedades.

O obxectivo principal deste proxecto foi probar o potencial enolóxico e características organolépticas da variedade de uva galega ratiño, identificada polos científicos do CSIC no marco dos estudos de recuperación e caracterización de antigas variedades de uva de Galicia e Asturias. Nas probas, a nova variedade foi comparada co Albariño e foi necesario solicitar a autorización do Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas para vendimar e elaborar un viño a partir dunha variedade non amparada.

Segundo explicaron os seus promotores no acto de presentación, trátase dun viño con moito corpo e estrutura en boca, e presenta unhas notas moi particulares que o diferencian do resto de variedades coñecidas.

Ao acto foron convidadas un cento de persoas, entre as que se atopan o alcalde e membros da Corporación Municipal do Concello de Barro, o presidente da D.O. Rías Baixas, o titular da Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa e representantes da Consellería de Medio Rural, entre outros. 

A presentación tamén contou coa intervención de Carmen Martínez Rodríguez, investigadora científica do CSIC e xefa do Grupo de Viticultura da Misión Biolóxica de Galicia, ademais de Cristina Yagüe e Roberto Ribas, por parte de Viña Moraima, entre outros.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta