Toda a oposición pídelle a Feijóo que explique os regalos que recibiu de Monbus

En Marea ve unha "relación controvertida" entre PP e a empresa de Raúl López, o PSdeG que sexa "coherente" co que pediu a outros e o BNG que inclumpliu a Lei de Transparencia do Bipartito.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 12/12/2016 | Actualizada ás 17:45

Comparte esta noticia

Os regalos que o dono de Monbus, Raúl López, lle fixo ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, poden acabar na Cámara galega. Todos os grupos da oposición xa lle pediron ao xefe do Executivo galego que dea explicacións por estes agasallos no que nin o empresario, nin o propio Feijóo quixeron entrar.

Xoaquín Fernández Leiceaga, Luís Villares e Ana Belén Pontón
Xoaquín Fernández Leiceaga, Luís Villares e Ana Belén Pontón

Logo das informacións publicadas por GC e outros medios dixitais, En Marea, PSdeG e BNG consideran necesario que Feijóo informe, ou en todo caso, “aclare”, que foi o que percibiu da empresa Monbus. Así, o voceiro parlamentario de En Marea, Luís Villares, considerou que a aparición de cargos políticos, como o presidente Feijóo, no listado dos que recibiron regalos deixan ver unha relación "administrativa e política controvertida".

"Non se trata simplemente dun asunto dunhas botellas de viño, non se trata simplemente dun regalo de máis ou menos entidade. Cremos que é un tema máis complexo e entendemos que merece unha explicación por parte dos membros do goberno que están implicados", manifestou o dirixente do partido instrumental este luns nunha rolda de prensa ofrecida na Cámara galega.

Neste escenario, Villares recordou que en 2009 a normativa europea modificou as condicións da duración das concesións de transporte público e que, tras iso, "xa con esa norma en vigor", en 2010 a Xunta "renovou a concesión de que a era principal beneficiario Monbus por un prazo de dez anos contradicindo a normativa europea".

"Seis anos máis tarde, en febreiro de 2016, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) entende que as actuacións feitas polo Goberno de Feijóo para renovar estas concesións, das que o principal beneficiario era Monbus, son contrarias a dereito e, polo tanto, se anulan", sinalou Villares.

Luís Villares, no Parlamento galego
Luís Villares, no Parlamento galego | Fonte: Europa Press.

A Xunta favoreceu a Monbus

Así mesmo, asegurou que, tras iso, a Xunta elaborou unha lei urxente en xuño de 2016 "para evitar cumprir os termos da sentenza", cuestións nas que, na súa opinión, agora o Executivo autonómico "volve incidir" a través da Lei de acompañamento dos presupostos para 2017 co mesmo obxectivo de "eludir o cumprimento da sentenza".

Todo iso, para o dirixente de En Marea, evidencia unha serie "decisións controvertidas" no "ámbito da adxudicación do transporte" que, en paralelo, estiveron acompañadas dunha "sucesión de regalos constantes por parte da empresa adxudicataria a todas as persoas e cargos que interviñeron na propia tramitación, non só das leis que intentaron darlle cobertura a estas adxudicacións, senón tamén aos que interviñeron nas propias decisións administrativas da renovación da concesión".

"Existe, polo tanto, unha prórroga de facto do transporte e, durante todo o tempo que dura esa prórroga de facto, contraria á normativa europea, unha continuidade na sucesión dos regalos que foron realizados", censurou Villares.

O PSdeG pide “coherencia”

Tamén o PSdeG se sumou as peticións de explicacións. Así, a presidenta da xestora deste partido, Pilar Cancela, reclamou ao presidente da Xunta que sexa "coherente" co que el mesmo pediu para outros e ofreza "unha explicación pública" sobre a aparición do seu nome nun listado de persoas que, supostamente, recibirían regalos do dono do Grupo Monbús, Raúl López, investigado no marco da Operación Cóndor.

Preguntada en rolda de prensa sobre este asunto, incidiu en que "non se pode reivindicar unha determinada posición" para uns" e que, cando é un mesmo o afectado, "intente non dar explicacións". "Pedimos a Feijóo que sexa transparente", remarcou a dirixente socialista, sen deixar de facer fincapé en que "cando un predica transparencia e exemplaridade" para os demais tamén debe aplicarlla.

É "a mesma" posición, segundo asegurou, que o PSdeG manterá para aqueles membros do seu partido que aparecen na lista, como -entre outros- o exministro lucense José Blanco e o expresidente da Xunta Emilio Pérez Touriño. Iso si, subliñou que a responsabilidade que actualmente exerce Feijóo lle obriga a "un plus" de transparencia.

Ao fío deste asunto, a tamén deputada no Congreso expresou o seu "respecto" polos tempos xudiciais, pero non deixou pasar a ocasión de recordar que "outras persoas que non son aforadas, que non teñen ese privilexio" do que goza Feijóo, "están sendo investigadas por razóns semellantes", en velada alusión á situación do seu ex xefe de filas, José Ramón Gómez Besteiro.

O BNG dille que “mire no seu partido”

Pola súa banda, a voceira nacional do BNG, Ana Belén Pontón, acusou ao BNG de incumprir a Lei de Transparencia, no seu artigo 15, aprobada polo Bipartito que establecía que non se aceptarían regalos que superaran os usos da mera cortesía. 

Pero para Pontón, as botellas de Vega Scilia,valoradas en máis de 2.300 euros que recibiu Feijóo, incumpren este artigo e esixiulle esplicacións ao presidente galego. Ademais, deulle un consello; “ que busque no seu propio partido porque detrás destas filtracións hai unha soterrada guerra interna pola sucesión de Rajoy”, dixo en declaracións ao GC.

Ana Pontón, no Parlamento galego
Ana Pontón, no Parlamento galego | Fonte: Europa Press.
Pilar Cancela
Pilar Cancela | Fonte: Europa Press.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta