Por Galicia Confidencial | Compostela | 14/12/2016 | Actualizada ás 17:41
O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, ironizou este mércores con que o PSOE local lle vai adiantar pola esquerda" e con que o seu voceiro, Paco Reyes, "vai acabar sendo un perigoso antisistema" á vista da súa proposta de gratuidade do aparcamento na cidade e das súas críticas a que un político ocupe a xerencia do Auditorio.
Sorprendido "pola capacidade de facer 'tabula rasa' na memoria" por parte dos socialistas, Noriega recordou que o PSOE -que gobernou a capital galega durante máis de 20 anos- foi o partido que instalou a ORA e que "puxo a todos os altos cargos das sociedades [municipais] e o Auditorio a dedo".É por iso que agora, ao ser preguntado ao respecto en rolda de prensa, receitou ao PSOE local "memoria e coherencia".
En primeiro termo, en canto á súa aposta por remunicipalizar a ORA, advertiu de que é "un imposible" pedir que o aparcamento sexa gratuíto, pois o concello terá que subrogar o persoal da empresa que actualmente leva o servizo. "¿Ou cobramos 5.000 euros aos veciños para recoller o coche da grúa?", ironizou de novo.
Dito isto, o rexedor compostelano afeou os socialistas que non puxeron "tantas reticencias" cando se decidiu poñer a vixilancia do aparcamento en mans privadas. "¿A quen servimos? ¿A unha empresa ou á institución?", preguntouse, non sen subliñar que a remunicipalización suporá melloras no servizo.
A liña seguida, sobre a xerencia do Auditorio, Noriega recordou que o proceso para a súa designación "é participado".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.