Por Manuel Vilas | A Coruña | 21/12/2016 | Actualizada ás 08:00
O de Francisco Vázquez (que valeu 18.000 euros) e o do seu sucesor, Javier Losada (9.450 euros), “cólganse mañá en actos separados posto que non quixeron facelo xuntos” explican, por hoxe mércores, fontes oficiais do municipio. Dende que deixou a alcaldía - tras gobernar A Coruña durante máis dunha década e marchar como Embaixador ao Vaticano acosado polas informacións sobre a súa casa- Francisco Vázquez ten unha relación difícil con boa parte do PSdeG.
De feito, Vázquez case nunca aparece en actos do PSdeG herculino mentres, polo contrario, soe ser convidado a actos da contorna do PP, por exemplo foi relator nunhas xornadas das Novas Xeracións da Coruña.
Acudirá a inauguración do cadro de Vázquez (13:30 horas en Maria Pita) o alcalde de Vigo. Abel Caballero, ademais de compañeiro de partido e de xeración de Vázquez, comparte co coruñés as súas críticas ao nacionalismo. De anfitrión oficiará Xulio Ferreiro (Marea Atlántica), “unha calamidade” segundo dixo en numerosas ocasións Caballero.
O cadro de Francisco Vázquez tamén chama a atención porque o alcalde preferiu retratarse vestido co traxe de gala de embaixador no Vaticano e non de ‘civil’. Firme, Sir Paco Vázquez posou para o pintor Rafael Cidoncha engalanadísimo e repleto de medallas. Aos turistas foráneos que cheuen nos cruceiros recordaralle máis a un xeneral das guerras napoleónicas queao alcalde máis importante da historia democrática da Coruña, que ao fin ao cabo é o motivo polo que se pagou o cadro.
Quen si estará arroupado por gran parte da cúpula do PSdeG herculino será Javier Losada. O sucesor de Vázquez distanciouse do seu mentor tras o pacto co BNG de hai dúas lexislaturas. A obra foi pintada por Jano Muñoz e mostra a un político afable nun estilo hiperealista, pero moito máis relaxado que o de Vázquez. Ademais, de fondo figuran unha serie de palabras referidas aos valores da igualdade.
Canto lle custa ao peto dos coruñeses estes cadros? Dende o concello non dan unha cifra concreta, pero sinalan que “non foi moito”. Encargar cadros de cada alcalde é unha tradición nesa cidade e estes retratos foron contratados, respectivamente, durante o mandato de Vázquez e Losada.
“Encárganos eles mesmos, é costume do Concello colgalos na galería de alcaldes” sinalan dende o equipo de Ferreiro, en referencia a corredoira do Pazo onde penden os retratos de todos os edís salvo os de José Fuciños e Hernán Martín, edís durante a Guerra Civil. Os seus cadros foron descolgados o 18 de xullo deste ano, en cumprimento da Lei da Memoria Histórica.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.