Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 30/12/2016 | Actualizada ás 14:00
En Galicia detectáronse as primeiras poboacións de visóns americanos libres nos anos setenta do século XX, preto das granxas peleteiras. Logo, a presenza destes invasores detectouse nas zonas costeiras próximas aos arquipélagos do Parque Nacional das Illas Atlánticas nos anos 1980-1990. A pesar desta continua expansión da especie por Galicia, as grandes illas permaneceron libres de visón ata o comezo da década de 2000. Os científicos conclúen agora que os achados moleculares suxiren que esas poboacións de exemplares libres que ocuparon a costa non foron a principal fonte de colonización das illas. "As recentes liberacións dende granxas directamente ás illas son a fonte máis probable destes invasores. A análise xenética suxeriu que o visón se reproducía con éxito nas illas e estaba relativamente illado doutras poboacións continentais", explican investigadores galegos que veñen de publicar un estudo retrospectivo sobre a invasión e erradicación destes animais nas illas galegas.
"Os achados suxiren tamén que a maioría dos visóns sacrificados eran xuvenís, probablemente porque era máis difícil atrapar adultos. Posto que os visóns son animais de curta vida, parece que a erradicación tamén pode lograrse cando unha gran proporción de xuvenís son sacrificados en poboacións illadas e pequenas", aportan os científicos tras as súas análises.
O estudo, titulado 'Invasion and eradication of the American mink in the Atlantic Islands National Park (NW Spain): a retrospective analysis', vén de ser publicado na revista científica Biological Invasions. O obxectivo dos investigadores foi realizar unha análise retrospectiva do proceso de invasión e dos esforzos realizados para erradicar o visón americano do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia, principalmente: analizar as posibles fontes de poboacións invasoras e avaliar o éxito do programa de sacrificio dunha especie que causa graves efectos sobre os ecosistemas insulares, ameazando a supervivencia de aves, anfibios e réptiles protexidos.
A presenza de visón detectouse por primeira vez en dous grupos de illas —Cíe e Sálvora— en 2003 e, posteriormente, foron rexistrados eventos de depredación dramáticos sobre fauna nativa, por exemplo, en aves mariñas ameazadas. Isto levou á posta en marcha dun programa de sacrificio en 2009.
Pero a expansión en Galicia do visión americano remóntase aos anos setenta, cando moitos foron "liberados no medio silvestre como resultado de peches de granxas, escapes accidentais ou liberacións deliberadas", como ben lembran os autores do estudo, que datan en 1992 a chegada destes mamíferos carnívoros ás Rías Baixas, preto do Parque Nacional das Illas Atlánticas, constatándose vinte anos despois unha "ampla distribución por toda Galicia". Así, en xuño de 2014 os científicos comprobaron que había gran abundancia de restos de visóns nas zonas costeiras máis próximas ás Cíes (Morrazo e Miñor), e na costa do Barbanza, preto de Sálvora.
"As poboacións de visóns fértiles xa estaban presentes nas áreas costeiras próximas aos arquipélagos do Parque Nacional en 1980-1990, probablemente como escapes das granxas de pel, cando a agricultura de visón estaba pouco desenvolvida. En 2003, o visón foi detectado por primeira vez en dous dos grupos insulares (Sálvora e Cíes) neste Parque Nacional. En 2009, as observacións directas e indirectas revelaron unha alta abundancia de visóns nestas illas, similar á observada nas zonas costeiras próximas", resumen os científicos.
No caso da Ría de Vigo, "houbo un baixo nivel de diferenciación entre Miñor e Morrazo, o que suxire unha estrutura xenética homoxénea nesta zona, pero ambos os dous se diferenciaron xeneticamente da poboación do Barbanza, a máis afastada. As características da paisaxe en Galicia, como as montañas e as rías, probablemente limitan o fluxo de xenes entre as poboacións. Estas poboacións xa estaban establecidas nos anos oitenta e noventa, como resultado de escapes de pequenas granxas sen xestión sobre a cría. Así, as poboacións costeiras probablemente se orixinaron a partir de pequenas liñas endogámicas, que poden estar suxeitas principalmente a selección natural e deriva xenética", argúen os expertos.
CÍES E SÁLVORA
As análises xenéticas realizadas demostraron consistentemente que as poboacións de Sálvora e Cíes están estreitamente relacionadas. En xeral, os resultados suxiren que as illas foron colonizadas por un grupo común de visóns e contradín a hipótese dun simple modelo de colonización gradual das illas por parte de poboacións próximas de visóns silvestres.
"O visón insular mostrou un alto grao de diversidade xenética, que é similar ou mesmo máis alto que a do visón continental. O número de alelos exclusivos nas poboacións insulares superou o das poboacións costeiras, o que suxire que o visón insular non é só unha submostra das poboacións continentais", argúen os autores do estudo, que continúan: "O visón de Sálvora diferenciouse xeneticamente da poboación do Barbanza, xeograficamente a máis próxima". As análises científicas desbotan, polo tanto, a hipótese de que a poboación de visóns nesta illa tivese a súa orixe no Barbanza, onde se atoparon poucos restos de visón e un grao moi baixo de diversidade xenética, o que suxire aos expertos unha poboación marxinal e pequena.
No que se refire á poboación de visóns nas illas Cíes, esta mostrou unha pequena firma xenética dunha poboación próxima do continente: Miñor. Os investigadores atoparon só en dous individuos de Sálvora e outros dous de Cíes unha "alta probabilidade (>85%] de ser asignados á poboación do Miñor". É dicir, "algúns inmigrantes puideron chegar ás illas, pero a contribución da inmigración á demografía do visón nas illas foi (se a houbo) moi baixa", conclúese no estudo.
Dada a distancia entre Sálvora e Miñor e máis Cíes, e tendo en conta a non presenza do visón na illa de Ons —situada entre Cíes e Sálvora—, "a posibilidade de intercambio de numerosos individuos entre estas poboacións parece pouco probable", expoñen os científicos, que se ben non desbotan totalmente o transporte fortuíto por embarcacións, isto "non foi documentado na nosa área de estudo", din. Así, consideran que "un posible escenario é que as recentes liberacións das granxas directamente ás illas foron a fonte inicial que conduciu á invasión insular".
Nesta liña argumentativa, detallan que "o visón pode rapidamente establecer poboacións despois de escapar das granxas" e lembran que foi a partir de mediados da década de 1990, cando se estableceron programas de cría de visóns en Galicia e os propietarios das granxas intercambiaban anualmente exemplares para a cría. "Esta estratexia de cruzamento dirixida a mellorar a diversidade xenética probablemente conduciu á homoxeneización xenética entre granxas de visóns", apuntan. Xa durante a primeira década do século XXI, "as soltas das granxas de peles produciron un gran número de invasores potenciais".
ÉXITO DO PROGRAMA DE ERRADICACIÓN
Noventa visóns foron sacrificados no Parque Nacional das Illas Atlánticas e a taxa de captura diminuíu co tempo en ambos os dous arquipélagos. A diminución anual da abundancia de visóns foi revelada polas mostras de restos e as taxas de captura, o que indica que "o programa de sacrificio estaba a reducir con éxito a poboación de visóns en ambas as áreas", revelan os científicos. De feito, actualmente o Parque Nacional está aparentemente libre de visóns.
O programa aplicado nas illas galegas "confirma que a erradicación de visóns é unha tarefa factible, especialmente nas illas costeiras", coclúen os expertos, que só atoparon un macho capturado que foi asignado como reprodutor, o que suxire que a maioría dos visóns atrapados eran xuvenís".
"A erradicación de visóns é posible, mesmo con baixas taxas de captura de adultos, cando se evita a inmigración", engaden os autores do estudo.
Con todo, os científicos consideran que os resultados acadados deben tomarse con precaución porque "non todos os individuos sacrificados foron xenotipados".
En xeral, os nosos resultados suxiren que as illas foron colonizadas por un grupo relativamente diverso de animais nalgúns eventos temperáns. Estes visóns estaban relativamente illados, pero reproducidos con éxito. Así, despois dun período inicial de colonización, os visóns parecen ser capaces de establecer unha gran poboación viable en hábitats novos adecuados sen inimigos, como as illas rochosas do Parque Nacional, mesmo cun fluxo xenético insignificante.
RISCO DE RECOLONIZACIÓN
Os científicos conclúen que o modelo de poboación desenvolvido nas illas galegas "apoia a idea de que un número relativamente pequeno de colonizadores pode establecer unha poboación viable, mesmo en ausencia de inmigración (pero sen depresión endogámica). Ademais, constataron que "a erradicación é claramente máis eficiente cando o sacrificio se centra nos adultos máis que nos xuvenís".
Na actualidade, o visón parece totalmente erradicado das Illas Atlánticas, o cal "probablemente xogou un papel crucial na mellora do estado de conservación das aves mariñas ameazadas", explican os investigadores. Con todo, alertan de que existe un "risco importante de fracaso da erradicación nas illas" pola "capacidade das especies invasoras para recolonizar". Así, no estudo, destectáronse "algúns candidatos inmigrantes, pero con menor impacto xenético nas poboacións", aportan os científicos, que estiman que "nas illas sen visóns a oportunidade aumenta para os recentemente chegados, polo que a probabilidade dunha reinvasión rápida das poboacións de visóns próximas non debe subestimarse".
Por todo isto, aconsellan manter un "sistema de detección precoz e unha rápida resposta de captura á invasión", para o cal é necesario a "recolección de mostras cando se detecta visón para determinar se son supervivintes ou reinvasores".
"Os escapes das granxas son unha importante fonte de colonizadores potenciais. Por tanto, hai que implementar medidas eficaces, como a construción de cercas seguras e a colocación de trampas de visón ao redor das granxas", avisan os científicos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.