Rafael Louzán cre que sofre “persecución” por parte do Ministerio Fiscal

O expresidente da Deputación de Pontevedra e presidente da Federación Galega de Fútbol adscribe a investigación ao seu "ámbito privado" e sostén que volvería actuar "exactamente igual" en relación ao aluguer dos baixos.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/12/2016 | Actualizada ás 14:28

Comparte esta noticia

O expresidente da Deputación de Pontevedra e presidente da Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán, reiterou este xoves a súa inocencia ante a decisión de abrir xuízo oral contra el por un suposto delito de suborno e asegurou sentirse vítima dunha "persecución sen base" e dun intento de "axustizalo" por un caso que "non se sostén".

Rafael Louzán comparece ante os medios
Rafael Louzán comparece ante os medios | Fonte: Europa Press.

"¿Queremos xustiza ou queremos axustizar por parte do Ministerio Fiscal a alguén chamado Rafael Louzán?", dixo o expresidente do PP de Pontevedra despois da decisión do Xulgado de Instrución Número 2 de Cambados de abrir xuízo oral contra el, a súa esposa e o concelleiro de Pazos de Borbén Severino Reguera por un delito de suborno.

Tras criticar que, "por terceira vez neste proceso" soubo desta resolución xudicial —que aínda "non lle notificaron", dixo— polos medios de comunicación, Louzán adscribiu estes feitos ao seu "ámbito privado" e sostivo que nada disto deriva da súa "xestión pública".

Así, ve neste proceso un intento de "persecución" da súa persoa. "Quérenme xulgar non polo que fixen, senón polo que fun", dixo Louzán, que lamentou que se pretenda utilizar como "escarnio".

UN CASO QUE "NON SE SOSTÉN"

Sobre o caso, dixo que "non hai absolutamente nada" irregular e que "non se sostén", polo que pedirá de novo o arquivo da causa.

"Se hoxe tivese a mesma oportunidade, faríao do mesmo xeito", explicou o expresidente da Deputación de Pontevedra, que cinguiu as transaccións polos seus baixos e os prezos pagados á "normalidade económica do momento".

Así, Louzán achegou documentación na que se recolle que locais similares ao seu pagaban prezos "mesmo superiores" naquel momento e asegurou que é "rotundamente falso" que obtivese o beneficio que lle atribúe o Ministerio Fiscal.

Do mesmo modo, apuntou que a empresa do outro investigado, que se dedica ao ámbito da hostalaría, ten outros locais alugados na provincia de Pontevedra, "algúns máis caros" que o seu.

Rafael Louzán indicou que o Ministerio Fiscal pediu unha auditoría económica tanto del coma da súa familia "sen atopar ningunha irregularidade" e rexeitou que ofrecese ningunha contraprestación política ao concelleiro investigado.

"Estamos ante un partido de dobre volta e só se celebrou o partido de ida", dixo empregando un símil futbolístico, para engadir que as acusacións do Ministerio Fiscal contra el "non teñen o máis mínimo soporte documental".

O presidente da Federación Galega de Fútbol non quixo entrar na posibilidade de abandonar este cargo argumentando que está convencido de haberá un "fallo absolutorio" dada a "legalidade de todas as actuacións". "Se hai verdadeira xustiza, non pode ser doutro xeito", concluíu.

INVESTIGACIÓN

O proceso xudicial responde á querela presentada polo fiscal Augusto Santaló por suposto suborno contra o expresidente provincial do PP de Pontevedra e exdeputado provincial e concelleiro de Pazos de Borbén Severino Reguera en relación ao aluguer duns locais comerciais a un prezo superior ao do mercado.

En concreto, os feitos dos que se lle acusa teñen a súa orixe no ano 2008, cando Louzán e María Teresa C.F. reservaron cinco locais na rúa Teixugueiras de Vigo e finalmente compraron tres por 460.122,5 euros e cederon a compra dos outros dous a Severino Reguera e a súa esposa. Para realizar a entrega inicial de diñeiro á empresa que lles vendeu os baixos, Severino Reguera prestoulles 103.748,42 euros.

Tras a compra, María Teresa C.F. asinou un contrato privado coa empresa Bruno Pan, da que é administrador Severino Reguera e que ten a sede en Ribadumia, para alugarlle os seus tres locais. O contrato asinouse en 2008 por unha duración de dez anos prorrogable e por un prezo de 3.584 euros e, segundo os datos da investigación da Fiscalía, agás no ano 2008, no demais anos o prezo percibido polo arrendamento superou a amortización das cotas hipotecarias.

DELITO

O fiscal aprecia un delito de suborno cometido por o entón presidente provincial, actual presidente da Federación Galega de Fútbol, e a súa esposa ao alugar os locais ao grupo Bruno Pan S.L. do deputado provincial a un "prezo superior" á media dos alugueres da mesma zona, segundo sostén no escrito de acusación.

Por iso, o fiscal sostén que "se infire" que o señor Louzán e esposa adquiriron uns locais comerciais de importante valor sabendo dende o principio que o prezo da compra (empréstito hipotecario) ía ser pagado pola empresa dunha persoa que tamén exerce cargo político no mesmo organismo (Deputación Provincial de Pontevedra) e mesmo partido, e a proxección política da cal, non é difícil adiviñar, depende daquel".

Neste sentido, a Fiscalía ve "un trato de favor ao expresidente do organismo provincial e dona que, en definitiva, supón o regalo en consideración ao cargo deste dunhas importantes cantidades de diñeiro, e finalmente e á postre dos locais comerciais, ou, mesmo da totalidade do local unificado".

Por outro lado, o fiscal afirma que as relacións entre Louzán e Regueira "alcanzan a máis actividades e conexións que as recollidas neste escrito e que son obxecto doutras investigacións xudiciais".

PENAS

A Fiscalía pide un ano de prisión e un ano de inhabilitación especial para o dereito de sufraxio pasivo para Severino Reguera por un delito continuado de suborno pasivo cometido na súa etapa como deputado provincial.

Mentres, para Louzán solicita un ano de cárcere, un ano de inhabilitación especial para o dereito de sufraxio pasivo e suspensión de emprego e cargo público por tempo de dous anos e tres meses.

Para a súa esposa, María Teresa C.F., o fiscal pide nove meses de prisión, nove meses de inhabilitación especial para o dereito de sufraxio pasivo e 14 meses de suspensión de emprego e cargo público. Ademais interesa o comiso dos tres locais comerciais propiedade de ambos os dous.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta