Quen votou as indemnizacións ilegais de NCG?

Este é o relato de como representantes de varios grupos (destacados políticos incluídos) deron luz verde aos millonarios pagos durante as reunións do Consello de Administración de Novacaixagalicia.

Por Manuel Vilas | A Coruña | 18/01/2017 | Actualizada ás 08:54

Comparte esta noticia

José Luís Pego Alonso, Gregorio Gorriarán Laza e Óscar Rodríguez Estrada, Julio Fernández Gayoso e Ricardo Pradas Montill xa están na cadea. Os directivos das caixas, os que foran os homes máis poderosos de Galicia, entraron onte en prisión por administración deselal e apropiación indebida, ao engordar as súas indemnizacións malia saber da delicada saúde de Novacaixagalicia.

Malia que só eles son os responsábeis dende o punto de vista penal, cando menos polo de agora, cómpre ter claro que os banqueiros non puideron sacar adiante este “pelotazo” por si sós. Necesitaron da colaboración, ou polo menos da aquiescencia, de moitos colectivos, en particular dos representantes dalgúns dos concellos, asociacións de empresarios, sindicatos e deputacións.

Cómpre lembrar que en 2011 Novacaixagalicia Banco, a entidade resultante da fusión das caixas, non era un banco privado normal. Como explica a GC Julián Valiente, hoxe xubilado pero por entón secretario xeral da Federación de Banca de Comisións Obreiras, no seu Consello de Administración non se sentaban accionistas, senón representantes de diversas institucións que herdaran este poder por estaren previamente representados nas directivas de Caixanova e Caixa Galicia. Representantes que, na práctica totalidade dos casos, deron luz verde ao proceso que permitiu o pago de 18,9 millóns de prexubilacións. Deses millóns, 10 son os que o Tribunal Supremo considera cobrados indebidamente.

Segundo o relato publicado por Comisións Obreiras en 2010, só o representante dos traballadores que era militante desta central se opuxo ao primeiro paso, a aprobación dos contratos de alta dirección, no Consello de Administración de Novacaixagalicia a finais de 2010. 

Este é o relato do sindicato:

O 1 de decembro [de 2010] tivo lugar o primeiro Consello de Novacaixagalicia, no que CC OO tiña un representante. Na orde do día figuraba a «toma de coñecemento e ratificación dos contratos de alta dirección subscritos polas caixas fusionadas e vixentes na nova caixa», que soamente existían en Caixanova e afectaban a tres persoas (Pego, Rodríguez Estrada e Gorriarán), ao tempo que se pedía que o director xeral adxunto (García de Paredes) gozase de similares condicións. O punto aprobouse só co voto en contra de CC OO.

Ao logo de 2011 as caixas fusionadas mudan de forma xurídica e pasan a ser  Novacaixagalicia Banco SA.  En xullo, nomease o primeiro Consello de Administración, no que entran Gayoso e Mauro Varela grazas a que a supervisora, a Xunta de Galicia, mira para outro lado; pois superaban a idade límite marcada para Lei.

En agosto de 2011 chega o intre clave, cando o Consello da Administración da nova entidade aproba as prexubilacións dos directivos, seguindo o pacto negociado pola Xunta e as cúpulas de Caixanova e Caixa Galicia.

Segundo o relato de Comisións, ignorado por toda a prensa do país, todos os representantes das diversas institucións baixan a cabeza ante Gayoso e compañía. Unicamente votan en contra dous representantes do cadro de persoal e outro do Concello de Pontevedra, que gobernaba o BNG.

Este é o relato do sindicato do sucedido nesa reunión:

O 25 de agosto informouse do acollemento de directivos da entidade ao proceso de prexubilacións conforme ao establecido no pacto laboral de fusión. Tamén se fixo saber que o Consello de Administración de Caixanova aprobara o 18 de outubro de 2010 a posible concesión aos directivos dunha compensación, acordo que só afectaba a persoal desa entidade e que se aplicara a dous directivos de dezaoito posibles. O director xeral estaría facultado para «determinar a contía e asignación». Tamén se deu conta do contrato de alta dirección acordado no seo do Consello de Administración do 1 de decembro de 2010 a favor de García de Paredes. Un asesor externo da empresa explicou que estes contratos lle outorgan ao directivo a facultade de «desestimación», entre outras razóns polo cambio de titularidade xurídica da empresa, por exemplo en canto se fixese efectivo o traspaso da actividade financeira da caixa a NCG Banco, S.A. O representante de CC OO pediu información sobre que directivos recibirían esa compensación, pero non lle foi facilitada. Diante disto, o sindicato anunciou o seu voto en contra, apoiado polo representante do BNG e polo outro representante do persoal.

Neste documento pode lerse un exhaustivo relato cronolóxico difundido por CC.OO no seu día das sucesivas reunións que permitiron as polémicas indemnizacións.

Quen formaban parte daquel Consello de Administración? Había 22 miembros (once por cada unha das dúas caixas) e prevíase que estivese activo durante 3 anos.

Reunión dos ex directivos de Novacaixagalicia na Xunta, pouco despois da fusión das caixas
Reunión dos ex directivos de Novacaixagalicia na Xunta, pouco despois da fusión das caixas | Fonte: Xunta

Julio Fernández Gayoso, ex-presidente de Caixanova e un dos condenados, pasou a ser presidente da nova entidade. Mauro Varela, ex-presidente de Caixa Galicia, pasou a ser copresidente co compromiso de relevar no seu día a Gayoso.

O daquela presidente de la Diputación de A Coruña e vicepresidente de Caixa Galicia, Salvador Fernández Moreda (PSOE) era vicepresidente primeiro. Guillermo Alonso Jáudenes,  vicepresidente de Caixanova, pasou a vicepresidente segundo. O empresario Alfonso Paz Andrade,vicepresidente de Caixa Galicia, era vicepresidente tercero. Alfonso Zulueta de Haz, vicepresidente de Caixanova, foi vicerpesidente carto. Gonzalo Ortiz, director da Cámara de Comercio de A Coruña, facía de secretario.

Pilar Cibrán, catedrática de Economía Financiera e nomeada conselleira de Caixanova polo Concello de Porriño cando gobernaba o PP (e mantivose cando gobernaba o BNG) vicesecretaria. Como conselleiros, procedentes de Caixanova, procedían o presidente da Cámara de Comercio de Vigo, José García Costas, Miguel Argones (representantes dos traballadores), Federico Martinón, José Taboada López, Juan Ramón Iglesias Álvarez, José Luis Veiga Lage (nomeado polo Concello de Pontevedra onde gobernaba o BNG) e Ángeles Marra (daquela senadora e hoxe concelleira de Vigo polo PSOE).  Os conselleiros por Caixa Galicia eran a ex-líder do PSOE da Coruña Mar Barcón, José Hervella, o empresario Edelmiro M. Añón, Cipriano Elías Martínez (Alcalde de Riello, PP), Javier Francisco Caínzos (ex-alcalde de Curtis, PP), Enrique Porteiro e José Luis Regueiro.


Un dos últimos consellos de administración de Caixa Nova
Un dos últimos consellos de administración de Caixa Nova | Fonte: Pedro Larauri Blog
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 10 comentarios

1 Interesante

Así que o único que votou en contra foi o do BNG. O rupturismo black que votou en Cajamadrid

1 ETiSabesLer

¿E ti sabes ler? ¿Non estás vendo que di claramente que votaron en contra BNG, CC.OO. e outro sindicato?

2 eZRa

Bueno, ao interesante Upegallo, tamén se lle escapou seica a do Concello do Porriño, q votou a favor. O Concello do Porriño estaba gobernado nesas datas polo BNGás. É dicir, de dous q había daquela de conellos do bnguai, un a favor e un en contra. Xa bastante fixeron tendo en conta o pastizón que o Bloque lle debía a Gayoso!

3 Upegallos everywhere

Pois polo pastizón non sería porque non se lle perdonou nin un céntimo. E o outro era dos rupturistas chachis que se abrían á sociedade e que marcharon e marchou amigo mareante. Asesoras á marea ou o fas gratis?