Servirá para algo a comisión de investigación das caixas?

O PPdeG négase a que a Comisión de Investigación no Parlamento, que volve para a semana, teña novos obxectivos. A oposición teme que non chege ao fondo do asunto.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/01/2017 | Actualizada ás 17:54

Comparte esta noticia

A comisión de investigación sobre as antigas caixas de aforro galegas constituirase o próximo luns, día 23 de xaneiro, e tanto BNG como PSdeG e En Marea coincidiron na necesidade de que o seu funcionamento "non sexa fraudulento", senón que sirva para "botar luz" e dar a coñecer á cidadanía "o que realmente pasou". Pola súa banda, o PPdeG recordou que, na pasada lexislatura, solicitou a incorporación de todos os documentos "que a puidesen enriquecer".

Pedro Puy dando unha rolda de prensa no Pazo do Hórreo
Pedro Puy dando unha rolda de prensa no Pazo do Hórreo | Fonte: parlamentodegalicia.es

Así o deron a coñecer este martes os voceiros das catro forzas con representación no Parlamento de Galicia -PPdeG, En Marea, PSdeG e BNG- nas súas comparecencias posteriores á reunión da Xunta de Portavoces e despois de que o luns se coñecese a entrada en prisión de catro exdirectivos de Novacaixagalicia e un avogado polas indemnizacións millonarias.

O BNG LEMBRA QUE FEIJÓO BENDECIU A FUSIÓN

En primeiro lugar, a voceira parlamentaria do BNG, Ana Pontón, cualificou de "benévolas" as condenas á cúpula de NCG, da que varios integrantes "entran no cárcere" porque "se sentían tan impunes que crían que non tiñan que pagar o diñeiro que os obrigaba a sentenza". "Xudicialmente deberíase ir ata o fondo e investigar toda a xestión que se fixo coas caixas", considerou.

Tras iso, asegurou que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, "lle debe unha explicación aos galegos pola súa responsabilidade nesta situación". "Foi cómplice de que houbese estas indemnizacións porque lles deu un tempo extra aos seus exdirectivos para programar o saqueo a fondos que, naquel momento, eran públicos; e tamén porque bendiciu unha fusión que dicía que era viable", sentenciou.

Protestando fronte a Novagalicia Banco
Protestando fronte a Novagalicia Banco

Por todo, avanzou que pedirá no Parlamento que se faga pública toda a información que xustificou a venda "anticipada e ruinosa" e deixou claro que "non chega solo con rematar o traballo" iniciado na comisión de investigación das caixas, senón que "hai moitas cuestións que investigar". "Esperamos que esta comisión realmente non volva ser fraudulenta, que funcione e que vexamos como as comparecencias que non se produciron se produzan", manifestou.

O PSOE PEDIRÁ MÁIS COMPARECENCIAS NO PARLAMENTO

Tras a comparecencia de Pontón, o voceiro parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, admitiu que a execución da sentenza contra os exdirectivos lle supón unha "certa sorpresa positiva", xa que lle "daba a impresión de que os condenados non estaban dispostos a cumprir coas obrigas derivadas da condena".

Con todo, mostrou a súa "preocupación" polo feito de que se constate que "parte das elites importantes" que dirixiron institucións importantes para Galicia durante moito tempo o facían a través de "comportamentos sancionables dende o punto de vista penal". "Isto non é unha boa nova para Galicia", manifestou, antes de criticar que "sobre todo, teñan escasa capacidade de aprendizaxe e se sintan por enriba da lei".

Así mesmo, sinalou que, tras a finalización do proceso xudicial, é necesario que "dende o plano político se cumpra rematando os traballos iniciados" pola comisión de investigación iniciada na pasada lexislatura e "ofrecendo un relato convincente á sociedade". Neste sentido, mostrouse partidario de incluír comparecencias adicionais na comisión, que poidan "ofrecer luz" sobre aspectos novos do proceso de fusión e privatización das caixas.

EN MAREA PREGÚNTASE PORQUE NON SE IMPEDIU UNHA "XESTIÓN NEFASTA"

Pola súa banda, o voceiro parlamentario de En Marea, Luís Villares, asegurou que o feito de que a cúpula de NCG entre en prisión é consecuencia de que "a Xustiza, aínda que é lenta, funciona". Con todo, asegurou que este camiño xudicial debe dar lugar a que "se tome en serio" o traballo da comisión de investigación.

"Que se tome en serio o seu traballo significa que non debe poñer vetos nin ás persoas que deben comparecer nin aos documentos que se teñan que presentar, manifestou para asegurar que "a esixencia de En Marea será chegar ao coñecemento da verdade e á depuración de responsabilidades políticas".

"Ten que habelas porque houbo unha xestión nefasta coñecida por xente que tiña responsabilidades políticas", manifestou Villares na súa comparecencia ante os medios tras a reunión da Xunta de Portavoces.

O PPDEG DI QUE NON SE PODE AMPLIAR O FOCO DA COMISIÓN

Finalmente, o voceiro do PPdeG na Cámara galega, Pedro Puy, explicou que coa constitución da comisión de investigación das caixas, que foi solicitada polo Grupo Popular, se trata de "rematar os traballos iniciados e desenvolvidos na pasada lexislatura".

"Sempre que estivo aberta a comisión, o Grupo Popular estivo a solicitar a incorporación de documentos relacionados coa investigación e que puidesen enriquecela", manifestou para recordar que foron os "únicos" que pediron incluír a sentenza da Audiencia Nacional "a raíz da que se produciu onte a entrada en prisión dos condenados polas indemnizacións millonarias" e que foi modificada polo Tribunal Supremo (TS).

Neste sentido, puxo como exemplo que este fallo do TS, que "non se puido solicitar porque xa estaba disolta a Cámara, debe incorporarse, porque afecta directamente a unha das cuestións que está incluída na comisión: as indemnizacións millonarias".

"Polo tanto, documentación que afecte é evidente que se pode incorporar pero o que quedou claro (...) é que se trata de concluír os traballos da comisión da pasada lexislatura", indicou, non sen antes deixar claro que agora non se pode "facer unha comisión que teña outros obxectivos" diferentes.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 xaime

Si queres q todo siga igual monta unha comisión.