Os hoteis públicos que custaron 27 millóns seguirán pechados

A Deputación de Pontevedra condiciona a apertura das Pousadas do Salnés á investigación da Unión Europea.

Por Galicia Confidencial | Pontevedra | 31/01/2017 | Actualizada ás 10:25

Comparte esta noticia

Foi un dos proxectos estrela da última lexislatura de Rafael Louzán como presidente da Deputación de Pontevedra. Pousadas do Salnés, unha rede de hoteis públicos deseñados para persoas con mobilidade reducida, financiados con cartos da UE, custou o triple do que se estimaba, pasando dos nove euros iniciais a 27.

Imaxe dun dos establecementos turísticos de Pousadas do Salnés
Imaxe dun dos establecementos turísticos de Pousadas do Salnés | Fonte: Sutega.es

Unha situación que obrigou a intervir aos organismos inspectores da UE. Por iso, a Deputación de Pontevedra , agora presidida pola socialista Carmela Silva, condiciona a apertura das Pousadas do Salnés ao desenvolvemento da investigación iniciada pola Oficina Europea de Loita Contra a Fraude.

A presidenta da Deputación expresou a súa "preocupación" por descoñecer "como vai rematar a investigación europea" sobre os fondos destinados a estas infraestruturas. "Espero que sexamos capaces de solucionalo, pero non está na nosa man", dixo. O Executivo provincial, conformado polo PSdeG e o BNG, denunciou dende o inicio do seu mandato a existencia de "numerosas irregularidades" na xestión destes catro establecementos turísticos.

A día de hoxe tan só o centro hoteleiro de A Lanzada abriu as súas portas, mentres que as instalacións de Ribadumia, Armenteira e Meaño "seguen atascadas" e arrastran problemas "herdados do goberno anterior", que presidía o popular Rafael Louzán.

"Estamos intentado solucionalo", subliñou a presidenta da Deputación, quen admitiu que "non é doado resolver" que a Pousada de Ribadumia fose construída nun terreo propiedade do Arcebispado, entre "moitas outras irregularidades", dixo Silva.

Para a presidenta provincial"absolutamente todos os proxectos herdados do anterior goberno teñen problemas, irregularidades, modificados sen xustificar ou non cumprían coa lexislación vixente".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta