Descobren na ría de Arousa unha nova especie mariña

O Grupo de Estudos do Medio Mariño (GEMM) informa do descubrimento dun novo animal que se corresponde cunha especie de verme plano.

Por E.P. | Arousa | 02/02/2017 | Actualizada ás 13:10

Comparte esta noticia

O Grupo de Estudos do Medio Mariño (GEMM) informou do descubrimento na ría de Arousa dun novo animal mariño, que se corresponde cunha especie de verme plano. Tras varios traballos dedicados ao estudo dos vermes planos (planarias) en augas de Galicia nos que xa se describiron varias especies novas para a ciencia, nesta ocasión o GEMM "vén de divulgar as últimas novidades sobre este grupo de animais tan descoñecido".

Nova especie de verme plano achada na Ría de Arousa
Nova especie de verme plano achada na Ría de Arousa | Fonte: GEMM.

O GEMM informa que se trata dunha "completa revisión de todas as especies coñecidas a nivel mundial ata a data", dunha das familias (Pleioplanidae), onde se achegan novos datos sobre as especies desta familia e "descríbese unha nova especie para a ciencia capturada na ría de Arousa e que ademais, dadas as súas características especiais que a diferencian das súas parentes próximas, deu lugar á creación dun novo xénero", concretan os científicos.

Neste sentido, explica que o novo animal, bautizado como Laqueusplana bocki, é un verme plano que pode alcanzar unha lonxitude en movemento de 25 milímetros. O seu corpo, de forma alongada e consistencia carnosa, presenta unha parte anterior amplamente redondeada que se vai estreitando cara ao final.

Segundo explica o grupo científico, con base en Ribeira, o animal non presenta tentáculos e ten dous tipos diferentes de ollos. "O seu corpo é de cor beige pálido con manchas marróns escuras distribuídas uniformemente", explican.

COLABORACIÓN

Este novo descubrimento súmase ás especies descritas en anteriores ocasións polo GEMM. O traballo foi realizado en colaboración co Museo de Ciencias Naturales de Madrid.

Por iso, o GEMM informa da posta en marcha dun novo proxecto no que se ofrecerá a posibilidade de apadriñar a un animal mariño. Con esta iniciativa, este grupo pretende conseguir o apoio económico necesario "para seguir adiante co importante labor que realiza, ofrecendo a posibilidade a calquera persoa ou entidade privada, de contribuír economicamente a unha investigación concreta".

"A forma de facelo variará segundo os interesados, pero irán desde a posibilidade de asociar o nome do padriño a todos os documentos xerados na investigación, ata mesmo poder dar nome a unha nova especie", detallan. Neste caso, o nome da especie fai honra a Sixten Bock, experto zoólogo sueco nado a finais do século XIV.

O traballo foi publicado en 'European Journal of Taxonomy' e supón, segundo destaca o GEMM, "unha continuación do intenso traballo de catalogación da fauna mariña que o GEMM leva realizando desde fai sete anos en colaboración con diversas institucións de gran relevancia científica".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 conhecémolo dabondo

ese é o nostrus, o verme do nacionalismo espanhol