Por E.P. | VIGO | 13/02/2017 | Actualizada ás 14:36
A Universidade de Vigo (UVigo) lidera un proxecto europeo para a detección remota, mapeado, predición e prevención de incendios forestais, mediante o uso de sensores de infravermellos, picosatélites e unha frota de vehículos non tripulados. Este proxecto, denominado 'Fire-RS', conta coa colaboración da Universidade do Porto (Portugal) e do Laboratorio de análise e arquitectura de sistemas de Toulouse (Francia); ten un orzamento total de case dous millóns de euros —dos que 1,12 son para a UVigo— e a súa duración é de tres anos.
O profesor e codirector do proxecto, Fernando Aguado, que lembrou ao seu compañeiro José Antonio Vilán —quen resultou ferido o pasado ano nun atropelo xunto a outros ciclistas—, explicou que este sistema funcionará de xeito que os sensores de infravermellos despregados nos montes detectarán os incendios e xerarán unha alerta que será enviada a un satélite xunto ás condicións meteorolóxicas, extensión do lume e posición GPS.
O satélite, á súa vez, transmitirá a alerta ao centro de control de vehículos non tripulados, que voarán ata a localización do incendio e tomarán imaxes que serán procesadas en tempo real para determinar a extensión exacta do lume, as súas características, as condicións locais do vento e a detección de elementos susceptibles de evacuación vehículos, vivendas, zonas de acampada....
As imaxes, parámetros meteorolóxicos, mapas de vexetación da zona e mapas dixitais de elevación do terreo incluiranse nunha ferramenta que realizará unha avaliación en tempo real da dirección de avance do lume e fará unha predición do seu comportamento, así como unha simulación e plans de actuación e continxencia, o que se comunicará aos servizos de emerxencia.
Aguado, quen puxo en valor que con este proxecto se utiliza o coñecemento e a experiencia adquiridos na UVigo nos últimos anos, remarcou que este é un sistema para loitar contra o lume pero tamén ten efecto disuasorio, porque se pode detectar cando se orixina o incendio e pouco despois os drons poden identificar aos autores.
SATÉLITE
No marco deste proxecto, instalaranse novos sensores de terra e, entre abril e maio de 2018 lanzarase o satélite —o cuarto lanzado pola universidade viguesa, e o máis complexo—. O 'Lume-1' é un satélite Cubesat do que xa teñen "practicamente finalizado" o seu deseño e en dous ou tres meses arrincarán a súa integración.
Así mesmo, desenvolverase un software de modelado e predición de incendios e porase a disposición do proxecto unha frota de vehículos non tripulados.
TECNOLOXÍA CONTRA O LUME
O reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, destacou que este proxecto "supón un reto máis para a universidade e un fito interesante e apaixonante", pois "aborda un dos problemas históricos e máis importantes que --hai-- en Galicia: os incendios forestais".
"O novo Cubesat vaise a facer e lanzar, e vaise a relacionar con vehículos non tripulados, que van traballar en combinación coa estrutura de extinción de incendios", explicou Mato, que valorou a utilización da tecnoloxía espacial na resolución de problemas do día a día.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.