SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/02/2017 | Actualizada ás 18:00 por EUROPA PRESS
O selo 'USC Editora' do Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da Universidade de Santiago de Compostela (USC) renovou a súa certificación de calidade conforme á norma ISO 9001:2008.
Nunha sesión que tivo lugar no Salón de Graos do Colexio de San Xerome, o vicerreitor de Comunicación e Coordinación, Xosé Pereira, recibiu a credencial desta renovación de mans do director de Aenor Galicia, Martín Pita López.
Concedida por Aenor, esta certificación acredita sistemas de xestión da calidade e, no caso da liña editorial universitaria, inscríbese na política de calidade da USC orientada, entre outros obxectivos, "a desenvolver procedementos para acreditar servizos", recoñeceu a entidade.
O Servizo de Publicacións e Intercambio Científico dispón dun Sistema de Xestión de Calidade conforme a esta certificación para as actividades de deseño, edición e distribución de libros e publicacións universitarias baixo selo 'USC Editora' desde 2014.
A USC adquiriu "un claro compromiso coa implantación da calidade" explicou durante o acto Xosé Pereira, que apostou pola "ampliación" destes recoñecementos para "dar resposta ás demandas dos clientes e usuarios" á vez que se "adiantan ás súas necesidades".
USC Editora é un selo comercial da USC rexistrado como marca e creado en 2009. Dá cabida a unha serie de publicacións financiadas total ou parcialmente polo servizo de publicacións universitarias e sometidas a un sistema propio de avaliación por pares externos á USC.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.