Por Galicia Confidencial | SANTIAGO | 28/04/2025 | Actualizada ás 16:17
Galicia, como o resto de España e Portugal, leva xa varias horas sumida nun apagón masivo que paralizou cidades, estradas e servizos básicos. Dende pouco antes das 12.30 horas deste luns 28 de abril, a electricidade desapareceu de súpeto, e con ela, a normalidade. O silencio das rúas só se ve interrompido polo claxon dos coches atrapados en cruces sen semáforos e a xente que se agolpa nos barrios preocupada ante o fallo das redes móbiles e a falta de batería nos dispositivos electrónicos. Nestes momentos en Galicia o apagón é case total. Non hai luz, nin trens, nin comunicacións estables. Aínda que a situación non é tan alarmante en Galicia como o está a ser en Madrid --onde foi pechado o metro e a M30 sofre grandes atascos-- e outras grandes cidades españolas, hai zonas céntricas das cidades galegas que tamén comezan a sufrir o impacto da falta de comunicacións eléctricas. Ademais, o 112 recibiu varias chamadas de persoas que quedaron atrapadas en elevadores.
TENDAS E SUPERMERCADOS: REIXAS BAIXADAS, CONTAS MANUAIS E EFECTIVO
Comercios e cafetarías están pechando xa as portas ao non poder dar servizo e ante a imposibilidade de afrontar pagos con cartón bancario. Moitas persoas foron as que consideraron a opción de achegarse ata os seus supermercados máis próximos para aprovisionarse por se a situación se prolongaba moito no tempo, pero cal foi a súa sorpresa cando atoparon as reixas baixadas. A mercadoría fresca bótase a perder tanto en supermercados como en restaurantes, e tamén nas casas particulares, ante a posibilidade de arrefriala para a súa conservación. Ademais, os poucos ultramarinos e tendas de barrio que resisten coas portas abertas vense na obriga de sacar a calculadora e ir facendo as contas a man, permitindo unicamente o pago en efectivo --algo do que moita xente carece a día de hoxe--.
COMUNICACIÓNS: ORANGE E MOVISTAR SEN REDE
Os servizos de Internet, datos e 5G dalgunhas compañías de telecomunicacións como Telefónica, Orange, Vodafone ou Digi víronse afectados tamén, neste caso por caídas aleatorias que se producen cada certo tempo, xa que a rede tamén é dependente da subministración eléctrica. Millóns de cidadáns reportaron xa problemas para realizar ou recibir chamadas, con gran parte dos móbiles sen dan ton. O servizo de mensaxería WhatsApp tamén está funcionando de maneira irregular, con usuarios que tampouco poden recibir mensaxes nin comunicarse a través del. En Orange estase mantendo a electricidade nas oficinas da compañía mediante xeradores eléctricos. Vodafone permanece activa nun 70 % tamén grazas a xeradores e baterías de reserva, pero estas tamén se esgotarán se a incidencia se prolonga no tempo.
TRENS: NON SE RESTAURARÁN ATA POLO MENOS MAÑÁ MARTES
Os transportes ferroviarios están suspendidos por completo e as autoridades recomendan non saír á estrada se non é estritamente preciso. No caso da estación ferroviaria de Ourense, está todo o tráfico paralizado. O apagón coincidiu coa saída do tren a Sarria, polo que víronse afectados unha gran cantidade de peregrinos que chegaran en AVE e agardaban polo enlace ata a localidade lucense. Algúns coordináronse para coller taxi, servizo que tamén se saturou. O ministro de Transportes e Mobilidade Sustentable, Óscar Puente, descartou que o servizo de trens de Media e Longa distancia en toda España volva estar operativo este luns. O primeiro tren que se detivo foi arredor das 12.33 horas na vía da Coruña. Os viaxeiros puideron baixar porque as portas funcionaban con xerador, pero agora mesmo nin sequera os trens que funcionan con diésel poden funcionar, pois non hai sinais nas vías operativos. Tamén se está dando a circunstancia de que hai barreiras en determinados pasos a nivel, como aconteceu no concello de Padrón, que quedaron baixadas durante horas, cortando ou limitando a circulación de vehículos.
AVIÓNS: ERROS EN SISTEMAS DE ALUGUER DE VEHÍCULOS
Nos aeroportos a situación polo de agora é de tranquilidade contida. En Alvedro, na Coruña, estase operando con normalidade grazas a un xerador, do mesmo xeito que en Lavacolla, en Santiago, e en Peinador, en Vigo. Os problemas de subministración non afectaron polo dagora aos voos, agás algún retraso que foi comunicado aos pasaxeiros dos voos correspondentes, como o que partía dende Santiago con destino a Tenerife ás 16.55 horas, operado por Vueling. Os pasaxeiros agardan na súa maioría sentados ata que haxa novas sobre o restablecemento do servizo eléctrico, para ver como este podería afectar aos seus plans de viaxe. Nalgún servizo complementario ao dos aeroportos, como o do aluguer de vehículos, si se están rexistrando erros, probablemente causados pola caída dos servidores.
HOSPITAIS: OPERANDO CON XERADORES DE EMERXENCIA
Os hospitais operan baixo mínimos con xeradores de emerxencia. Por exemplo, na área sanitaria de Ourense, a actividade asistencial e cirúrxica mantense grazas aos xeradores instalados nos tres hospitais públicos: o CHUO e os comarcais de Verín e Valdeorras. Tanto nos quirófanos como nas unidades de críticos cóntase con baterías autónomas, así como nos centros de saúde máis grandes. Dende a xerencia envían unha mensaxe de tranquilidade, porque se segue atendendo con normalidade. Ademais, fontes do Sergas explican que se solventaron algunhas incidencias nos elevadores. Agora ben, o sistema informático que abastece aos hospitais e centros de saúde atópase caído, polo que se hai que facilitar receitas procederase a facelo de maneira manual.
ESTRADAS: SEMÁFOROS MORTOS E POLICÍAS NOS CRUZAMENTOS
O tráfico é un caos en cidades como A Coruña, Lugo e Santiago, onde os semáforos apagados converten cada cruce nun verdadeiro perigo. Vigo, A Coruña e Santiago pediron aos seus veciños evitar desprazamentos de vehículos e reforzaron en todos os casos a presenza de efectivos municipais para garantir a maior seguridade posible nas estradas e rúas. En Vigo suspendeuse toda a actividade nas instalacións municipais, na Coruña os axentes locais fixéronse cargo do control de tráfico nos principais cruces da cidade e o corpo de bombeiros xa atende varios incidentes relacionados con persoas atrapadas en elevadores. Así mesmo, cidades como Vigo, que contan cun gran número de elevadores públicos, tamén están a sufrir incidencias. De feito, preto de 10 persoas quedaron pechadas no Halo, o ascensor panorámico que conecta o centro da cidade olívica co centro comercial Vialia. Afortunadamente puideron ser rescatadas sen maiores problemas.
INDUSTRIAS: XERADORES ACTIVADOS TRABALLANDO ATA QUE DURE A ENERXÍA
Pola banda da industria, foron moitas as fábricas galegas, así como empresas e oficinas que se viron afectadas tamén polo apagón. Segundo fontes sindicais, a factoría de Stellantis en Vigo atópase sen luz. Mentres, un fume negro alertou a moitos coruñeses, procedente da factoría de Repsol, pero aseguran que se trata dun sistema de seguridade de antorcha que se activa automaticamente ante o fallo eléctrico global, e non é un risco nin para empregados nin para veciños. A tensión medra a medida que pasan as horas sen noticias claras. O medo ao desabastecemento, o illamento e a falta de información alimentan unha atmosfera de nerviosismo xeralizado. Hai quen fala xa de saqueos menores en tendas pequenas e en barrios periféricos hai persoas agrupadas nas rúas que comezan a prestarse xeradores, fontes de alimentación e diversos utensilios que permitan manter acesos dispositivos electrónicos básicos como o móbil.
FALLO HISTÓRICO SEN PRECEDENTES
Mentres tanto, Rede Eléctrica investiga as causas deste fallo histórico. En España teñen acontecido apagóns a grande escala no pasado, pero ningún afectou de maneira tan xeralizada e simultánea como o de hoxe. O máis recente que lembramos é o que aconteceu en marzo do ano 2021, cando un apagón masivo a nivel nacional deixou sen electricidade a máis dun millón de persoas, aínda que de maneira parcial, debido a un fallo na interconexión con Francia do sistema eléctrico e a baixa dispoñibilidade de enerxías renovables debido ao clima daqueles días. Indo algo máis atrás, en setembro de 2019 un apagón afectou a varias provincias do norte de España, entre elas Galicia, por un fallo nunha central hidroeléctrica. Unhas 200.000 persoas quedaron sen luz. As autoridades piden calma, pero a desconfianza espállase como a sombra que, a medida que vaia caendo a noite, e de non recuperarse a luz, caerá sobre Galicia. E é que dende Rede Eléctrica falan de que o subministro non se recuperaría antes de entre 6 e 10 horas, o que nos situaría xa na posta de sol.
Ver esta publicación en Instagram
Una publicación compartida de Galicia Confidencial (@galicia_confidencial)
Ver esta publicación en Instagram
¿Gústache esta noticia?Problemas cos comentarios?
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.
¿Gústache esta noticia?
- Falta de auga en varios barrios da Coruña e plan de autoprotección activado no porto de Vigo
- "É algo absolutamente excepcional"... Por que colapsou toda a rede eléctrica?
- Xente atrapada no HALO, fume negro na refinaría de Repsol, barreiras de tren baixadas, tendas pechadas... Consecuencias do apagón
- A Xunta convocará case 1.600 de emprego público entre maio e novembro deste ano
- 10 horas máis sen luz?... Red Eléctrica di que o proceso pode chegar a tardar ese tempo
- Sánchez preside o Consello de Seguridade Nacional en Moncloa, convocado de urxencia