Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/03/2017 | Actualizada ás 21:23
O pleno da Real Academia Galega celebrado este venres saldouse finalmente sen unha data para a celebración da cita electoral na que se renovará a actual directiva e sen candidatura que aspire a presidir a entidade.
Deste xeito, a reunión resolveuse máis como un encontro "de trámite", sen que supoña algún tipo de avance na reiterada convocatoria unitaria reclamada por varios dos académicos e a propia directiva ao longo das últimas semanas.
Seguindo o guión previsto, o ata agora presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, oficializou ante os membros do pleno o cesamento do seu mandato á fronte da institución. Henrique Monteagudo, actual secretario, ocupará o cargo de maneira provisional e será o encargado de pór en marcha o proceso electoral que se saldará coa renovación da actual directiva.
A pesar de que os estatutos establecen un período máximo de tres meses para a elección da nova Comisión Executiva da Academia, a vontade dos académicos é que se celebre canto antes, sobre todo ante a proximidade das Letras Galegas.
Aínda que a reunión concluíu sen data concreta, barállase finais de marzo ou despois de Semana Santa como posibles opcións para a celebración do Pleno Extraordinario de elección.
SEN ASPIRANTES
Unha vez concluído o pleno, unhas dúas horas despois do seu inicio, os únicos académicos que realizaron declaracións foron o presidente saínte e o secretario Henrique Monteagudo. Alonso Montero lembrou o regulamento da institución relativo á convocatoria de eleccións, insistindo en que a intención da RAG é que a cita se celebre "canto antes".
Pola súa banda, Monteagudo engadiu que "non se presentaron candidatos" durante a reunión "porque non era o momento", aínda que si se chamou a unha "reflexión" para tentar alcanzar unha lista unitaria e de consenso.
O proceso, de momento, está "moi verde", aínda que si existe vontade de facer "unha candidatura con base ampla" para renovar a directiva da institución, como se reiterou as últimas semanas.
De feito, salvo esta representación da executiva actual, ningún dos académicos quixo realizar declaracións á súa entrada ou saída do plenario, o que evidencia a cautela coa que a RAG pretende impulsar este proceso de lista unitaria. A data para os comicios podería fixarse en función da evolución do proceso de "diálogo" entre os académicos para tentar lograr esa candidatura unitaria.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.