Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/03/2017 | Actualizada ás 18:57
Transcorridos 15 meses desde que fose suspendido temporalmente de militancia, e nove desde que o PSOE decidiu a súa expulsión definitiva, , a Comisión Xestora Federal do PSOE acordou readmitir como afiliado ao alcalde de Becerreá (Lugo), Manuel Martínez, tras apreciar que "normalizou as relacións" co grupo socialista da Deputación lucense, institución da que, ademais, é agora vicepresidente.
Nunha resolución da área de Organización á que tivo acceso Europa Press, a Comisión Xestora Federal do PSOE acorda "deixar sen efecto a sanción de expulsión" do Partido Socialista a Manuel Martínez, así como a "restitución dos seus dereitos como militante".
O documento recolle que a documentación incluída no expediente disciplinario incoado contra Martínez evidencia "que a situación conflitiva que afectou no seu momento" ao Grupo Socialista da Deputación de Lugo "a consecuencia das actuacións levadas a cabo polo expedientado, produciron prexuízos á imaxe e aos intereses do partido".
No entanto, recoñece que "a situación actual" no seo do grupo socialista da Deputación "leva a que deba reformularse" a expulsión de Manuel Martínez, tendo en conta que as súas relacións recobraron "a normalidade" e que "continúa sendo o alcalde" de Becerreá, así como vicepresidente da institución provincial.
Sen embargo, Martínez segue indo por libre nalgunhas decisións. A última, a votación que tivo lugar este mércores sobre a prohibición das touradas na provincia. Unha moción defendida polo BNG e que tivo o voto contrario de todos os deputados do PP e tamén o do vicepresidentñe da Deputación.
PRESIDENCIA DA DEPUTACIÓN
Os feitos remóntanse a xuño de 2015, cando Martínez competiu internamente --e gañou-- no seo do seu partido por converterse no candidato á Presidencia da Deputación de Lugo. Con todo, o BNG anticipou que non recibiría os seus votos, necesarios para superar aos do PP, debido á súa condición de imputado --que foi arquivada en abril de 2016--. Iso motivou que os socialistas elixisen a Darío Campos, alcalde da Pontenova, para o posto.
Chegado o día da elección do presidente provincial, o becerrense optou por votarse a si mesmo en primeira instancia e en branco na segunda, co que se produciu un empate técnico entre o PP (a lista máis votada) e o PSdeG (co apoio do BNG), que derivou no ascenso de Elena Candia ao lugar que ocupara ata entón quen era por aquelas datas o secretario xeral dos socialistas galegos, José Ramón Gómez Besteiro.
Aínda que posteriormente, no mes de outubro, apoiou a moción de censura que desaloxou aos populares do liderado do Pazo de San Marcos, Martínez protagonizou diversas polémicas con quen foron os seus compañeiros de filas ao negarse a acatar a disciplina de voto e compartir posicionamento co PP. Así pois, en novembro de 2015 foi expulsado do Grupo Socialista na Deputación de Lugo e recibiu comunicación do inicio dos trámites para a súa saída do PSOE.
As súas alegacións non foron tidas en conta polo partido, como tampouco o foi o respaldo público que lle brindaron outros alcaldes e cargos socialistas así como a súa agrupación ao completo. O último paso, en xuño do ano pasado, foi a resolución que acordou expulsar de forma definitiva do PSOE a Manuel Martínez, unha decisión que foi tamén recorrida.
A comezos deste ano, Manuel Martínez iniciou un achegamento de novo co que fora o seu grupo, o socialista, que aceptou as condicións postas para o regreso do ata entón deputado non adscrito, ser vicepresidente da Deputación de Lugo e responsable da bautizada como Área de xestión territorial, é dicir, a delegación de Vías e Obras e o Parque Móbil. Coa "normalización" destas relacións, o PSOE decidiu agora readmitir como afiliado ao alcalde de Becerreá.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.