“Para Santillana, publicar en galego é un compromiso”

Santillana/Obradoiro estrea este mes o selo Oqueleo de literatura infantil e xuvenil en lingua galega. Co gallo deste lanzamento, falamos coa súa directora editorial, Ana M. Guerra.

Por Alberto Quian | Santiago de Compostela | 06/04/2017 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

Oqueleo é o novo selo de literatura infantil e xuvenil en galego de Santillana/Obradoiro. Un proxecto que aposta pola calidade literaria e o compromiso, a diversión, a reflexión, a creación e a recreación de universos imaxinarios. O selo nace con 22 títulos no seu catálogo, entre os que se inclúen autores universais como Roald Dahl, Michael Ende ou Susan E. Hinton, e firmas da literatura nacional como Gloria Sánchez, Xabier P. Docampo, Paula Carballeira, Manuel Núñez Singala, Marica Campo, Jaureguizar, María Canosa, Xoán Babarro, Xavier Estévez, Concha Blanco, Héctor Cajaraville ou Kike Gómez. Nesta entrevista, Ana M. Guerra, directora editorial, detalla os obxectivos de Oqueleo.

Presentación de 'Oqueleo', de Santillana
Presentación de 'Oqueleo', de Santillana

- Todo novo proxecto xorde da identificación de necesidades e oportunidades. No seu caso, cales son?

- O proxecto xorde do compromiso editorial por ofrecer un catálogo de calidade que promova a mellor literatura infantil e xuvenil en galego.

- Cales son os obxectivos a curto e medio prazo?

- A curto prazo, chegar ás escolas, aos lectores para que lean as nosas historias, as gocen e nos dean a súa aprobación. Coidar os nosos autores, ilustradores e tradutores. Axudar aos mediadores: profesores, libreiros, bibliotecarios, familias... cuxo labor no fomento da literatura é fundamental. A medio e longo prazo, seguir contando cos mellores autores e ilustradores, dar voz a novas promesas, medrar con todos eles. E seguir escoitando, investigando, analizando... Este é un longo camiño, que temos que ir construíndo de forma conxunta e sólida progresivamente.

Paula Carballeira, Manuel Núñez Singala, Héctor Cajaraville, Xabier P. DoCampo e Xosé Cobas son Oqueleo
Paula Carballeira, Manuel Núñez Singala, Héctor Cajaraville, Xabier P. DoCampo e Xosé Cobas son Oqueleo | Fonte: Santillana-Obradoiro.

- Que vai atopar o lector no seu catálogo de libros?

- Historias diversas para lectores distintos. Historias de amor, de humor, de compromiso, de misterio, de fantasía... Historias que atrapen os lectores e recursos que axuden aos mediadores a sacar o mellor proveito delas.

- Por que tipo de escritores apostan?

- Escritoras e escritores galegos de recoñecida traxectoria e novos talentos. 

- Que ten Oqueleo para tentar atraer firmas consagradas e novos valores da literatura galega?

- Ilusión, esforzo, historia (herdamos un catálogo importante) e, por suposto, humildade. Aínda que... mellor preguntarlles a eles, non?

"O noso papel é encontrar as mellores historias escritas, alá onde estean, e ofrecérllelas aos lectores coa mellor calidade lingüística".

- Ademais de grandes nomes de escritores recoñecidos e premiados mesmo internacionalmente, Galicia tamén conta con grandes ilustradores cunha importante proxección nacional e internacional. Que papel vai xogar a ilustración no selo?

- A ilustración é fundamental, sobre todo nas primeiras etapas. Aínda nos queda por percorrer un longo camiño, por exemplo, afondar nas franxas máis baixas. Nelas, a ilustración narra; polo tanto, contaremos cos mellores narradores gráficos.

- A súa aposta é pola literatura galega, pero tamén pola literatura universal en galego. Nesa liña, van procurar un equilibrio? E por que autores foráneos van apostar?

- Non pechamos portas, temos lazos estreitos con outros selos da nosa editorial en España e en América. A literatura é universal, as boas historias son universais, polo tanto, o noso papel é encontrar as mellores historias escritas, alá onde estean, e ofrecérllelas aos lectores coa mellor calidade lingüística. Ademais, pertencemos a un gran grupo editorial en constante evolución, traballamos de forma coordinada, aproveitamos sinerxías... Pero agora centrámonos nos nosos autores, que son os que mellor ca ninguén coñecen os nosos códigos lingüísticos, culturais, históricos...

- Oqueleo pertence a unha rede, Loqueleo, que se expande por España e América. Teñen intención de traducir e exportar obras de autores galegos?

- Oxalá que os nosos libros esperten interese fóra de Galicia; para nós sería un orgullo que historias concibidas en galego poidan ser lidas noutras linguas.

"Cantos mais traballemos pola nosa lingua e a nosa cultura, moitos máis recursos estarán ao alcance dos lectores". 

- Por que é unha oportunidade para Santillana publicar en galego?

- Para Santillana, publicar en galego máis ca unha oportunidade é un compromiso, que xa adquiriu desde a década de 1980 cando empezou editar libros en lingua galega. No ano 1992, Santillana crea Edicións Obradoiro e, polo tanto, xa hai 25 anos que estamos en Galicia publicando en galego.

- Preséntanse máis como unha comunidade que coma un selo literario ao uso. Como van concretar esa estratexia? Como van potenciar a comunidade e que estratexias van seguir cos lectores e cos mediadores (docentes, libreiros e familia)?

- De forma progresiva, coas nosas redes sociais, co contacto directo cos distintos axentes a través de encontros, promovendo o diálogo e a colaboración mutua.

- Hai unha aposta polas novas tecnoloxías e novos formatos e soportes?

- É o noso obxectivo. Xa houbo iniciativas noutras linguas dentro do propio selo (proxecto transmedia). Pero como dicía ao principio, imos construíndo  de forma progresiva. Acabamos de saír, aínda nos queda moito por facer, e temos que demostrar que o facemos ben.

- Nun mercado como o galego, con editoriais con tanto peso e tradición como Galaxia, Xerais, Kalandraka, Baía Edicións, etc., que papel quere e pode xogar Oqueleo?

- Queremos Achegar o noso gran de area. Cantos mais traballemos pola nosa lingua e a nosa cultura, moitos máis recursos estarán ao alcance dos lectores. 

"A literatura infantil e xuvenil é, hoxe por hoxe, un dos mellores escaparates da nosa cultura".

- Van manter estratexias comúns coa Asociación Galega de Editores e coa Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil?

Si, por suposto. Formamos parte da AGE e de Galix.

- Como valora o panorama actual da literatura infantil e xuvenil en Galicia?

- Moi positivamente, porque Galicia conta con grandes narradores e ilustradores e a literatura infantil e xuvenil é, hoxe por hoxe, un dos mellores escaparates da nosa cultura.

- Poden adiantarnos algunha novidade de cara aos próximos meses? Haberá algunha sorpresa a nivel de estratexia, nomes ou títulos?

Acabamos de saír. Cremos que no noso catálogo hai historias sorprendentes, agora temos que darlles tempo aos lectores para xulgalas por si mesmos.

- Este é o ano de Carlos Casares, homenaxeado polo Día Das Letras Galegas e prolífico e recoñecido autor de literatura infantil e xuvenil. Vai participar dalgún xeito Oqueleo nas homenaxes a este escritor?

- Participaremos nas homenaxes a Carlos Casares; con todo, non imos sacar unha publicación específica no noso selo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 14 comentarios

4 Xosé Manuel I

Un pouco máis de rigor na entrevista estaría moi ben. Sentimentalismos aparte e como se suxire máis abaixo, canto é o montante das subvencións a que aspira Santillana? Porque se algo demostrou sempre o lobby da lingua é que aí ninguén traballa gratis. Por outra banda en canto a calidade escritora, xeralmente non son precísamente Rosalía.

3 Chus

¿Normativa? Malintencionados.

2 Profesor de galego

Máis literatura para os nosos estudantes e máis galego. Grazas pola iniciativa.

1 Galegus

Subvención a la vista

1 x5eZ

Galegófobo a babor.

2 JepeDor

capitán!! divisamos un bobera acomplejado a tres millas que responde al nombre de Galegus!!