Por Walter Burns | | 01/03/2010
A web de Xornal de Galicia anunciaba este sábado unha "exclusiva" na súa edición impresa. "¿Que empresa vinculada ao PP elaborará o Plan Tecnolóxico da Xunta?", preguntaba, en castelán, xornal.com para animarnos a mercar o diario.
Unha semana antes os lectores de Galicia Confidencial xa sabían que Atos Origin gañara ese e sete concursos máis. Sabíano tamén miles de internautas que consultaron blogs e redes sociais que se fixeron eco da nova, por exemplo os miles que colaboran en Chuza.org!
Non se trata, evidentemente, dunha exclusiva de Xornal. Tampouco de Galicia Confidencial, a adxudicación é tan pública que calquera pode atopala no DOG. O primeiro medio en sinalar a multiplicación de adxudicacións a esta multinacional foi, en todo caso, ANT.
Así o recoñecía este Confidencial na primeira información sobre o caso. Non se nos caen os aneis por admitir que estamos tirando dun fío descuberto por outros compañeiros.
Se repites a primicia doutro medio, hai que citalo
Citar a quen desvela un tema é unha norma de bo comportamento no xornalismo. Lei non escrita que a miúdo os xornais impresos saltan cando quen desvela o asunto é unha publicación electrónica.
Pensarán os seus responsábeis que "Total, quen lee ese medio electrónico?". Non se dan conta que hoxe en Galicia a audiencia sumada de xornais dixitais como este a de sitios 2.0 como Chuza! é maior que o que venden os diarios nos quiscos?
Ao publicar "exclusivas" sen citar, os responsábeis deses medios impresos corren o risco de menoscabar o prestixio que, grazas ao esforzo dos seus redactores, teñen as súas empresas. Por non falar do rídiculo ante o resto de compañeiros de profesión, asiduos lectores deste confidencial.
O que desvelou en primicia, tras contrastalo, galiciaconfidencial.com é a coincidencia entre a multiplicación de contratas a ATOS coa presencia como directiva na consultora Carmen Martín de Pozuelo, sobriña do ex-ministro Romay Beccaría e ex-colabora directa de Feijóo en Correos e na Cotopv.
Feijóo recomenda non lanzar "cuestións que non son certas"
Ao presidente non lle gustou nada que se lle preguntara sobre o asunto publicamente. "Sería bo non lanzar cuestións que non son certas e afectan á honorabilidade de persoas que non poden defenderse", advertiu aos medios.
Nada publicado sobre os contratos a Atos é falso. Nin que multiplicou as adxudicacións dende a chegada ao poder, nin que varias delas gañounas sen publicidade ou dun xeito sorprendente, obtendo a máxima puntuación posíbel (10 sobre 10) en todo menos na oferta económica.
Explicar polo miúdo as circunstancias destes contratos pode ser embarazoso, pero a Feijóo vaille no soldo. Máis cando na investidura do Obradoiro prometeunos "rematar co caciquismo".
O que marca para este caso a norma é seguir informando sobre o asunto, como facemos hoxe, e publicar as respostas do Goberno coa mesma importancia que os feitos denunciados. Así o fixemos coas versións de Feijóo e da secretaría xeral de Modernización e así o seguiremos a facer.