Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/05/2017 | Actualizada ás 17:34
A Consellería de Cultura publicou este martes no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución pola que se incoa o procedemento para declarar Ben de Interese Cultural, coa categoría de monumento, á Cova Eirós, situada na parroquia de San Cristovo de Cancelo, no termo municipal de Triacastela (Lugo).
As campañas arqueolóxicas realizadas co apoio da Xunta nesta cavidade cárstica durante 1993 e no período 2008-2016 descubriron restos de osos das cavernas e ocupacións paleolíticas que abarcaban desde o Paleolítico medio ata os momentos finais do Paleolítico superior e indicios de presenza dunha serie de motivos e gravados nas paredes da Gran Sala e nunha das galerías do interior da cavidade.
Destes achados dedúcese o "excepcional valor científico e patrimonial da Cova Eirós", ao "aglutinar un xacemento paleontolóxico de grande interese no fondo da cova cun xacemento arqueolóxico cunha dilatada secuencia de ocupación". A todo isto engádese a localización da arte rupestre prehistórica, a primeira deste tipo coñecida en Galicia.
Aínda que se producen achados arqueolóxicos e paleontolóxicos ao longo de toda a cova, a principal concentración dos primeiros dáse na súa boca, onde se constatan ocupacións do paleolítico medio e superior, prehistoria recente e medieval. A principal concentración de osos das cavernas prodúcese ao fondo da galería este, no lugar onde se formou o lago artificial.
En canto á arte rupestre que se documenta na cova, ata agora están identificados un total de 13 paneis con 93 motivos que se concentran na gran sala e na galería leste.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.