Por Galicia Confidencial | Nigrán | 09/05/2017 | Actualizada ás 11:46
Hai hoxe 25 anos constituíase legalmente a Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA), nunha xuntanza celebrada no Grove, co fin de estudar e protexer as tartarugas e os mamíferos mariños e difundir estes coñecementos. Co gallo deste aniversario, a entidade ambiental expresa hoxe o seu "agradecemento ás socias e socios, aos colectivos integrados, centros de investigación, administracións e empresas" que apoiaron as súas actividades dun xeitou ou doutro.
Durante estes cinco lustros, a CEMMA desenvolveu unha actividade de investigación rigorosa, promovendo ou participando en diferentes estudos e proxectos de investigación sobre as especies mariñas ameazadas, colaborando con institucións estatais e internacionais, e potenciando aspectos divulgativos mediante exposicións, conferencias e cursos.
Dende 1999 é, grazas a convenios coa Xunta de Galicia, a única institución responsable da asistencia aos varamentos na costa galega, a xestión do banco de mostras oficial, a recuperación de animais feridos, o estudo poboacional destas especies e a redacción dos plans de xestión das especies máis ameazadas.
A CEMMA é, ademais, membro fundador da Sociedad Española de Cetáceos e membro da European Cetacean Society.
CENTRO DE RECUPERACIÓN DA FAUNA MARIÑA
José Cedeira, presidente desta entidade ambiental galega, pedía recentemente nunha entrevista con GC revitalizar o proxecto paralizado dun centro autonómico de recuperación da fauna mariña, pensado para a súa instalación na parroquia baionesa de Baredo, cuxa execución é de responsabilidade compartida entre Xunta e Goberno central.
Entre 1990 e 2014, Rexistráronse na costa galega máis de 5.600 varamentos de animais, dos cales 438 estaban vivos, segundo explicaba o propio Cedeira a este xornal. E dos animais que entraron en recuperación, foron devoltos ao mar o 58% dos lobos mariños e o 72% das tartarugas mariñas. Porén, no caso dos cetáceos, debido á falta de instalacións e de medios axeitados, ningún dos exemplares en recuperación puido sobrevivir. Os éxitos cos cetáceos limítanse exclusivamente a rescates e reintroducións levadas a cabo na praia, xusto despois do varamento.
Esta situación leva á CEMMA a insistir en que Galicia precisa un centro de recuperación de fauna mariña. "É algo que vimos reclamando incesantemente durante estes 25 anos", salientou Cedeira a GC.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.