Por Galicia Confidencial | Madrid | 18/05/2017 | Actualizada ás 09:15
O deputado de En Marea, Miguel Anxo Fernán Vello, reclamou na Cámara española partidas por valor de 12,5 millóns nos Orzamentos Xerais do Estado para impulsar un plan de axudas á edición literaria en galego.
Así, trataríase dunha partida de 5 millóns de euros que En Marea solicita para un Plan de axudas á edición literaria en lingua galega, en linguas cooficiais. Tamén pide unha partida de 5 millóns destinada a un Plan de axudas para a tradución de obras literarias en galego e 2,4 millóns para subvencións destinadas á tradución a idiomas estranxeiros de obras literarias escritas en galego.
Fernán Vello considera que “a diversidade lingüística é unha riqueza a impulsar desde as Administracións públicas, en lugar de marxinala”. “Os libros e a cultura son unha forma de promocionar a nosa lingua, e o intercambio cultural con obras doutras literaturas é asemade un mecanismo de espallar o galego”, destacou.
O parlamentar destaca tamén o incremento que En Marea pide para o orzamento destinado á Real Academia Galega, 716.000 euros máis para a institución da lingua galega co obxectivo de que estea suficientemente dotada. Para o deputado de En Marea “as nosas emendas pretenden paliar a falla de políticas destinadas a incentivar a diversidade lingüística no estado”.
Partidas para o cinema en galego
En Marea tamén reclamou máis inversión no sector audiovisual. “Demandamos unha partida de 10 millóns de euros para un Plan de axudas ás producións cinematográficas en lingua galega, catalán e euskera. O eido audiovisual é outro medio de comunicación no que se precisa impulsar a produción en lingua galega”. Para proxectos de investimento en empresas culturais, En Marea solicita 15 millóns de euros.
Fernán Vello tamén reclamou 15 millóns de euros para a recuperación do patrimonio histórico cultural galego, 15 millóns para a recuperación da Vía Romana Braga-Astorga e 5 millóns para a mellora de roteiros, equipamentos do Camiño de Santiago.
No capítulo museístico e de bibliotecas, En Marea pide diversas partidas para o Museo Marco de Vigo (100.000 euros), para a Biblioteca do estado en Vigo (100.000), para aumentar a partida do Museo Arqueolóxico de Ourense (2,1 millóns), para a restauración dos bens do mosteiros de Santa Catalina de Ares (6 millóns).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.