Por Antón Tenreiro | Oleiros | 29/06/2010
Si a esta situación engadimos que nin a executiva nacional fai autocritica de un regulamento suicida, nin a UPG fai lectura obxectiva da soedade na que afronta o futuro por moito control que exerza, nin +g asume (incluso para dar exemplo) unha pésima xestión politica dos apoios acadados na última asamblea nacional do BNG, o futuro antóxase complicado. Para o BNG e para o nacionalismo galego.
Dúas forzas antagónicas, pero con moito en común (UPG e PP) no que supón aparataxe politica, están a facer un grave dano ao país, unha polo retroceso nas politicas que aplica aos cidadáns e outra por impedir a criación de unha alternativa con vontade maioritaria en galiza, de país e para os galegos, non só para elites politicas minoritarias.
Pero estamos a tempo de articular solucións antes de volver após do verán ao proceso suicida de escolla de candidaturas tamén nas pequenas e medianas vilas e dar outra "puñalada" ao BNG en este ritual suicida e a poucos meses das eleccións municipais. As direccións están para dirixir e non para escenificar diante da sociedade enfrentamentos fraticidas polo control interno. Ate agora, nin as direccións das partes nin a do BNG demostraron poñer ao BNG nin ao nacionalismo por diante dos seus intereses partidistas.
Milleiros de militantes e moitos máis simpatizantes e votantes están agardando por algunha demostración de intelixencia politica na articulación de unha forza contra o PP e menos espectaculos internos de demostración de músculo politico en proceso de esgotamento para competir socialmente.
Hai tempo, sempre e cando vaia acompañado de vontade politica e xenerosiadade por parte de todos. Os dirixentes do nacionalismo están diante do seu grande exame para a historia. Estarán á altura?