O Pastor non se perdeu onte

Dende a adquisición do Popular polo Santander, estase a espallar a idea de que Galicia perde o Banco Pastor. Pero o Pastor, en realidade, perdeuse hai seis anos.

Por Marcelino Fdez. Mallo | A Coruña | 26/06/2017

Comparte esta noticia
O propio Gómez-Reino, na moción de censura de Podemos e en representación de En Marea, afeoulle a Rajoy a adxudicación do Pastor ao Santander por 1 €. Meteu a operación no mesmo saco có “desmantelamento do sector financeiro galego”. Habería que realizar varias puntualizacións de certo calado ao respecto. 
 
Primeira: en 2011, o Consello de Administración do Banco Pastor aceptou integrarse no Grupo Popular mediante un intercambio de accións. O acordo supuña a perda de personalidade xurídica da entidade galega, a liquidación da súa estrutura directiva e operativa, a eliminación da sede coruñesa e a perda de calquera influencia na toma de decisións. A cambio, a Fundación Barrié recibía un paquete de accións do Popular co cal a súa actividade sería soportada vía o cobro de dividendos derivados dos beneficios anuais do Grupo financeiro. 
Da lectura do parágrafo anterior, dedúcese que o Banco Pastor desaparecía como entidade autónoma. Unicamente quedaba a marca comercial polo valor imaxe que esta tiña en Galicia. De feito, na intención de conservar ese efecto imaxe, a marca Popular Pastor empezou a utilizar a súa comunicación pública en lingua galega. Digamos claramente, xa que logo, que o único que quedou do Pastor a partir de 2011 foi a estratexia de tirar partido comercial da orixe do banco, nada máis. 
 
Coa adxudicación do Popular ao Santander, Galicia perde, basicamente, os fluxos anuais de dividendos cos que contaba a Fundación Barrié, os cales dalgún xeito reverterían na economía galega. Certo que tampouco cremos que a súa influencia fose decisiva en termos xerais. Quizais o Santander conserve a marca Pastor algún tempo, pero máis cedo ou máis tarde o nome tamén se perderá. Mais todo comezou en 2011 ou, para ser máis precisos, en 1982 cando, contra calquera lóxica empresarial, Unión Eléctrica Madrileña se fixo co control de Fenosa. Nese momento principiou a traxedia económica que supuxo a desaparición do que fora principal grupo tractor da economía galega. 
 
Sobre as palabras de Gómez-Reino verbo da desaparición das Caixas galegas tamén habería moito que falar. Nun esforzo de síntese direi que as Caixas galegas non se perderon por ningún contubernio mesetario senón pola acción dos seus executivos principais e pola inacción dos respectivos gobernos autónomicos e, por qué calalo, da sociedade galega en xeral. 
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Marcelino Fernández Mallo Economista coruñés con ampla traxectoria no sector financeiro galego e no mundo Internet. Colaborou con medios de distinta liña entre os que cabe salientar Vieiros, a Radio Galega e Xornal de Galicia. É autor das novelas Pallarega, A trenza ou Klásicos. Mantén o blog Atrenza.
@pallarego