Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 27/08/2017 | Actualizada ás 12:09
Investigadores da Universidad Politécnica Salesiana de Cuenca (Ecuador) e do centro de investigación en tecnoloxías da Información e a comunicación AtlantTIC da Universidade de Vigo veñen de presentar unha aplicación intelixente para fomentar a interacción social entre persoas maiores. A aplicación é parte da plataforma SAFER (Smart Assistance platform For EldeRly care), enfocada a satisfacer as necesidades desta parte da poboación e que está a ser desenvolvida polo Grupo de Investigación de Telecomunicacións e Telemática da universidade ecuatoriana.
A aplicación desenvolvida almacena e relaciona nunha base de datos os perfís dos anciáns e os tipos de eventos da súa preferencia. Mediante unha procura na Web dos eventos que se celebrarán na cidade realízase unha comparación baseada no contido e, se as características deste evento coinciden coas preferidas da persoa, o evento recoméndase ao usuario indicándolle lugar, data e hora.
Ademais, o sistema recomenda a formación de grupos sociais formados por anciáns con preferencias similares para facilitarlles o contacto entre eles e que poidan asistir xuntos aos eventos seleccionados.
A ferramenta foi xa aplicada e mostrou, segundo os seus autores, unha satisfacción nos usuarios e unha taxa do 64% de asistencia aos eventos recomendados.
A intención é fomentar a interacción social entre os máis maiores promovendo actividades recreativas e culturais, dependendo do perfil do usuario. Máis detalladamente, búscase integrar ás persoas maiores nas actividades culturais e sociais que se desenvolven nas súas localidades e estimular a súa socialización mediante a formación de grupos esporádicos de persoas con intereses comúns e que, durante a duración dos eventos, poidan compartir momentos agradables e acompañarse os uns aos outros.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.