Fiscalía da Coruña acusa a Orange de “prácticas abusivas” en facturas a clientes que se dan de baixa

O Xulgado do Mercantil estudará medidas cautelares contra a compañía, que defende que "non cobra de máis" aos seus clientes.

Por E.P. | A CORUÑA | 17/07/2017 | Actualizada ás 12:46

Comparte esta noticia

A Fiscalía da Coruña acusou a Orange de "prácticas abusivas" na facturación a clientes que se dan de baixa e solicita ao Xulgado do Mercantil da Coruña que prohiba á operadora que emita facturas por consumos mensuais cando o servizo prestado xa finalizase antes.

Tenda de telefonía de Orange
Tenda de telefonía de Orange

O Xulgado do Mercantil Número 2 da Coruña acolleu este luns a vista de medidas cautelares en relación á demanda colectiva de cesación en defensa dos consumidores e usuarios presentada pola Fiscalía Provincial da Coruña contra a entidade Orange Espagne S.A. por prácticas abusivas na facturación a clientes que se dan de baixa en dita operadora.

Segundo consta na demanda, a empresa de telefonía "emite reiteradamente facturas contra os consumidores e usuarios nas que lles reclama a cota correspondente ao período completo da facturación previamente determinado (xeralmente mensual) a pesar de que o servizo prestado aos clientes finalizase antes de que se complete ese período".

A xuízo da Fiscalía, isto supón que a empresa require aos consumidores para que abonen un servizo que non prestou, "en lugar de reducir proporcionalmente a cota para axustala ao período realmente consumido ata a data en que se extingue o contrato".

INVESTIGACIÓN

Tras realizar unha investigación a raíz das queixas recibidas por representantes de asociacións e organismos encargados da defensa dos dereitos dos consumidores e usuarios, a Fiscalía decide presentar unha demanda por prácticas abusivas.

E é que, da investigación levada a cabo conclúese, ademais, que a operadora de telefonía admitiu en múltiples ocasións que a factura se emitiu incorrectamente e anulouna como consecuencia de numerosas reclamacións tramitadas a través da Oficina Municipal de Información ao Consumidor do Concello da Coruña.

Igualmente, segundo fontes xudiciais, comprobouse que o Instituto Galego de Consumo tramitara múltiples reclamacións contra a demandada por facturar o período completo con independencia do momento en que se deixaba de prestar o servizo.

Os feitos afectan a consumidores da Coruña, pero o Ministerio Fiscal entende que o número de casos é superior posto que se trata dunha operadora implantada en todo o territorio estatal, no que conta con máis de 19 millóns de clientes, segundo expuxo o fiscal.

Ante isto, o fiscal solicita a imposición de medidas cautelares para "cesar" este método de facturación realizado pola operadora mentres dure o procedemento xudicial. Este luns celebrouse a vista de medidas cautelares, mentres que o xuízo do procedemento principal terá lugar en setembro.

"NON COBRAMOS DE MÁIS"

Na vista de medidas cautelares, o letrado de Orange sostivo que o método de facturación (sistema prorrateado) que pretende que se aplique a Fiscalía "non é xusto" posto que "pretende que os prezos deben ser imputados a cada servizo e que o seu consumo sexa lineal", algo que resulta "inasumible" para a operadora telefónica, segundo comenta o seu avogado.

"Non existe un sistema legalmente aprobado para a facturación nestes servizos", alegou o avogado da parte demandada, que defende o sistema utilizado pola operadora, que "non cobra de máis" aos seus clientes.

Así mesmo, o letrado da operadora sostén que as medidas cautelares solicitadas pola Fiscalía suporán un "descrédito comercial incalculable" e "unha condena anticipada" para a compañía, que se vería obrigada a cambiar "dun día para outro" o sistema e "publicar a resolución xudicial nun xornal de tirada nacional".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta