Por Galicia Confidencial | Compostela | 25/07/2017 | Actualizada ás 20:40
O 25 de Xullo non ten nada que ver con aquela festa que en 1919 deseñaron as Irmandades da Fala como un día no que defender e reclamar os dereitos do país. “Trátase dun recordo da Patria natural que, desde antigo, como agora e sempre, ha de ser a única patria verdadeira do home”, recollía entón o semanario A Nosa Terra, o órgano de expresión deste grupo de galeguistas como os irmáns Vilar Ponte, Losada Diéguez, Risco ou Cabanillas. Era unha época na que as ideas liberais, tradicionais, progresistas, galeguistas e nacionalistas ían da mesma man.
E 88 anos despois, a "Patria galega" que soñaron as Irmandades non é máis que un conxunto de pequenos reinos de taifas. Nacionalistas e independentistas van por libre, o grupo que une federalistas, anticapitalistas e nacionalistas decidiu esnaquizar a súa proposta en actos diversos, mentres que o PSdeG vai ao seu en Rianxo e o PPdeG insiste en falar da unidade de España no Día de Galicia.
Como ven sendo tradicional, a manifestación do BNG foi a máis numerosa. Baixo os berros de 'Quen queira, quen non, Galicia é unha nación', Ana Pontón subliñou que o BNG ten as portas abertas para "os que senten Galicia, os que confían na súa capacidade e na súa potencialidade" e realizou un chamamento á "unidade dos galegos fronte a un centralismo cada vez máis caduco". Unha petición de unidade da que se excluíu a en Marea por "pensar máis nos votos que en Galicia".
Con todo, esa unidade do nacionalismo e independentismo semella moi lonxe de acadarse. Mentres os galeguistas de Compromiso por Galicia xuntaron a cargos do PNV e do PS portugués no Parque Euxenio Granell, os independentistas de Causa Galiza e de Agora Galiza tamén decidían ir por libre.
Así, baixo o lema “REBELIOM POPULAR. Independência e Pátria Socialista”, ata seis organizacións diferentes dos estados español e portugués falaron de independencia e revolución na Praza 8 de marzo da capital galega nun acto organizado por Agora Galiza, os sucesores de Nós-UP. Posteriormente tivo lugar un xantar de confraternización no parque de Sam Domingos de Bonaval no que se reclamou a fin do capitalismo, o machismo e a explotación laboral, ademais de pedir a independencia.
Tamén a independencia foi o que pediu Causa Galiza noutra manifestación que saíu da Alameda compostelana media hora despois da do Bloque nunha marcha na que insistíu en reclamar a "luita política e social nos limites do atual quadro jurídico-político para avançar face a rutura com o Estado espanhol e a construçom dum processo independentista próprio", tanto a nivel galego, coma a nivel municipal.
Os grupos de En Marea
Máis complicado resultou o encaixe de bolillos dos grupos de En Marea que decidiron ir cada quen ao seu. Anova e En Marea, como grupo, celebraron actos diferentes a menos de 500 metros; uns no parque de Vista Alegre e os outros en Galeras. E, tan preto estaban que non era difícil ver aos dirixentes políticos e militantes indo dun lado para o outro para facer acto de presencia en ambos os dous actos. E así fixeron Antón Sánchez ou Fernán-Vello. O primeiro mesmo foi saúdar a Villares para tentar rebaixar a tensión dos últimos días.
Tanto Anova como En Marea incidiron nas potencialidades da "nación" galega. Así, Villares aproveitou o acto para reivindicar "unha nación alegre e combativa", ademais de facer un chamamento a construír "unha alternativa de esperanza" para os cidadáns. "Agora é o momento, cando non hai eleccións", apelou.
Pola súa banda, Antón Sánchez, reafirmou o compromiso da formación coa unidade popular e chamou a abrir un "novo ciclo de rebeldía" e "deixar de pensar nas miserias orgánicas". Tamén apelou a coordinarse para "dar a batalla" e preparar a "primavera municipalista" de 2019. Todo iso, co obxectivo último de acabar cun réxime "podrecido" no que transcenden "día a día" os casos de corrupción.
Podemos e EU
Podemos Galicia e EU decidiron nin estar na capital galega este 25 de Xullo. Podemos difundiu un manifesto no que cualificou como o "Día da Matria Galega" para "recuperar a memoria daquelas mulleres invisibilizadas na historia que tamén contribuíron á construción de Galicia como nación histórica".
Pola súa banda, Izquierda Unida en Galicia realizou unha homenaxe ao alcalde republicano mugardés Juan Prieto Balsa fusilado polos golpistas de 1936. O principal obxectivo foi recuperar a memoria dos dirixentes do Partido Comunista de Galicia que colaboraron na organización do referendo sobre a autonomía.
O PSdeG, na Xunta, e Feijóo, falando da unidade de España
O PSdeG aproveitou esta xornada para darse a valer. Nun acto no que o protagonismo estivo nos tres posibles candidatos á Secretaría Xeral do partido en Galicia,a presidenta da xestor, Pilar Cancela, lembrou os debuxos de Castelao para ilustrar a defensa dunha sociedade "xusta e igualitaria" e destacou que o seu partido xa está listo para ocupar San Caetano.
No seu discurso, cargou contra a dereita "que inventa amnistías fiscais ilegais e anticonstitucionais", e apostou por atacar os "graves problemas" do actual sistema tributario.Como "alternativa" ao PP, apuntou á "honestidade, exemplaridade, transparencia" e loita contra a corrupción do PSdeG, que ve no idioma galego o "primeiro e máis importante elemento vertebrador" da identidade de Galicia.
E, mentres, o presidente da Xunta preferiu aludir á unidade de España durante a tradicional Ofrenda ao Apóstolo Santiago. Feijóo pediulle ao Apóstolo Santiago a "vontade e decisión" necesarias para "non claudicar ante quenes predican a desunión ou se abandonan ao pesimismo", á vez que incidiu en que "a razón debe estar apoiada pola lei" e pola democracia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.