Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/08/2017 | Actualizada ás 19:22
Anova acusou á oposición de Venezuela de pretender o retorno da oligarquía ao poder e liquidar as conquistas do poder popular, manifestándose a formación política como "aliada" da unidade popular revolucionaria e solidarizándose coa República Bolivariana.
Nunha nota de prensa, Anova sitúase como "aliada da independencia venezolana, da súa soberanía nacional e da unidade popular revolucionaria", como formación que, "como a revolución bolivariana", é "antiimperialista".
Anova asegura que a oposición venezolana ten por obxectivo restituír a orde liberal e non ampliar liberdades nin dereitos sociais. A estratexia da dereita venezonala, engade, está "subordinada a desestabilizar o país, multiplicar o malestar cidadán e crear un estado de excepción que permita un golpe pola forza para derrocar ao goberno e á constitución bolivariana".
Anova acusa á oposición a recorrer "á violencia e á sabotaxe", tentando "deslexitimar eleccións limpas" co "aplauso" dos Estados Unidos, Europa e España, contando cos mesmos apoios das forzas e corporacións multinacionais que "encheron Latinoamérica de ditaduras militares e gobernos fascistas".
A formación política engade que a "falta de soporte social, o boicot", concentrado "en barrios ricos", transformouse "en violencia organizada e en terrorismo aberto nos meses previos ao 30 de xullo".
Como engadido, a "manipulación informativa" que, a xuízo de Anova, se está a producir ao redor da situación de Venezuela, "anestesia a conciencia crítica dos cidadáns" e "impón a bondade dunha intervención de forza contra a República Bolivariana".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.