Como se xestou unha das grandes investigacións xudiciais contra o sector empresarial galego

Un xulgado vigués investiga ao presidente da CEP, Jorge Cebreiros, ao directivo de Televés José Luis Fernández e o ex director xeral de Innovación da Xunta, Manuel Varela, por suposta prevaricación. Pescuda proxectos con Gradiant por máis de tres millóns de euros. Os investigados acusan a un antigo alto cargo destituído da entidade.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 09/08/2017 | Actualizada ás 14:22

Comparte esta noticia

“As tramas das facturas”... No mundo económico e empresarial comezan a temer xa as novas investigacións de xulgados e fiscalía sobre a engranaxe económica de determinadas empresas e institucións. As tramas das 5 J, a Operación Patos, as investigacións en centros como o Centro Tecnolóxico da Carne ou a do Centro Tecnolóxico de Telecomuniccións de Galicia (Gradiant) están poñendo enriba da mesa unha situación fiscal que, ata o de agora, pasaba por alto a xustiza e Facenda.

Varios directivos de Gradiant con membros dun proxecto e o ex director xeral de Innovación, Manuel Varela
Varios directivos de Gradiant con membros dun proxecto e o ex director xeral de Innovación, Manuel Varela | Fonte: Xunta.gal

 

O último dos grandes casos en aparecer é o de Gradiant. Unha nova investigación que pode levar por diante ao presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP) e xefe de Ineo e InfoJC, Jorge Cebreiros, ao ex director xeral de Innovación da Xunta Manuel Varela e ao directivo de Televés José Luís Fernández. Os tres formaban parte do padroado de Gradiant.

 

Eles, xunto con outros empresarios e funcionarios, están sendo investigados por un suposto delito de apropiación indebida de subvencións da UE destinadas a promover a innovación tecnolóxica en Galicia. Segundo publica La Voz de Galicia, a Fiscalía quere esclarecer se formaban parte dunha trama que xeraba facturas falsas de forma sistemática para inflar os gastos e a bolsa de horas de traballo de enxeñaría cos que xustificar e cobrar as subvencións europeas.

Francisco Conde, conselleiro de Industria, co ex director xeral de Innovación, Fernando Varela
Francisco Conde, conselleiro de Industria, co ex director xeral de Innovación, Fernando Varela | Fonte: xunta.gal

 

A Fiscalía ten constancia de irregularidades manifestas en varias facturas que suman un importe de 55.000 euros e que foron denunciadas por un antigo directivo da Gradiant. Non obstante, a prevaricación podería ser maior e se investigan case cen proxectos por valor de tres millóns de euros. A Policía xa detectou que, en moitas desas facturas, repítense clientes, entre eles, Televés e Ineo.

 

2,2 millóns en facturas no 2012

 

Boa parte das investigacións céntranse en facturas a empresas anteriores a 2014, sobre todo, no 2012. Ese ano Gradiant facturou 2,2 millóns de euros a empresas, o que supuxo un 35,52 por cento máis que o ano anterior. Os ingresos anuais do 2012 fecharon cun 28,10% máis que na media 2010-2011 dos seus ingresos totais.

 

E a Xunta tivo moito que ver nese crecemento. Ese ano,  Gradiant iniciou a execución de nove proxectos do programa Feder-Innterconecta, xestionado pola Axencia Galega de Innovación e o CDTI, cun financiamento de 3,7 millóns de euros para o centro.

 

Unha investigación que arrincou hai máis de dous anos

 

Segundo fontes consultadas por GC, a investigación iniciouse hai máis de dous anos cando un antigo directivo detectou irregularidades que puxo en coñecemento da dirección. Trataríanse de facturas por un importe de 55.000 euros que estarían sen xustificar. “Era só o inicio do fío. Tentaron apartalo pero decidiu denunciar a situación ante distintas institucións”, indica un empresario consultado.

 

Non obstante, outras fontes apuntan a que este ex directivo tería actuado por “vinganza” tras ser despedido.  É o mesmo argumento que esgrimiu un dos investigados, Jorge Cebreiros. Ese despido, segundo suliñan, “foi pactado” e incluíu “unha gran cantidade de diñeiro”, precisamente, “para que mantivera prudencia”. “Os problemas comezaron con el ao pouco de chegar. Quixo enchufar a súa muller na universidade e ao non conseguilo, comezou a presionar. Marchou cunha chea de diñeiro coa promesa de que evitaría falar de Gradiant, pero unha vez que tivo o diñeiro no bulso, fixo o contrario”, indican estas fontes.

 

Marcha de directivos

 

Curiosamente, é a partir de 2014 cando comezan a sucederse os movementos na dirección de Gradiant e doutras institucións. Así, no verán dese ano, o entón director xeral do centro, o catedrático de Teoría do Sinal e Comunicacións da Universidade de Vigo, Fernando Pérez, deixaba o seu posto. Un cargo no que estivera desde a fundación do centro, en 2007. 

 

Moito máis tarde o faría o ex director xeral de Innovación da Xunta, Manuel Varela, que anunciaba a súa marcha no verán de 2016, por “decisión propia e motivos laborais”. Segundo as fontes consultadas, había tempo que a relación entre Varela e o conselleiro de Industria, Francisco Conde, non eran boas. “Hai quen di que porque xa se coñecían irregularidades e hai quen di porque non había boa sintonía”, indican. Con todo, Varela marchou a Madrid para traballar porque “foi fichado por unha consultora de Cristina Garmendia”, precisamente, quen fora ministra de I+D, durante o goberno de Zapatero.

 

Nese momento, as irregularidades denunciadas polo anterior cargo directivo de Gradiant xa eran coñecidas nos xulgados e na propia Xunta, onde chegara unha petición de información á Dirección Xeral de Innovación. Con todo, e segundo as fontes consultadas, ningún dos actuais investigados pensaba que magnitude das investigacións xudiciais ían chegar tan lonxe.  “O que está claro é que o golpe para Cebreiros, Televés e, sobre todo, Gradiant é brutal”, indican.

 

“Golpe” para Gradiant

 

As fontes consultadas apuntan que estas investigacións van supoñer un “duro golpe” para Gradiant, un “centro punteiro en investigación e desenvolvemento” en Europa, apuntan. “É unha pena porque estanse facendo moi boas cousas e a un nivel internacional”, indican. Actualmente, neste centro traballan case un cento de persoas e desenvolven proxectos en varios países.

 

Gradiant é unha fundación privada, sen ánimo de lucro establecida en decembro de 2007 e nada co obxectivo de aliñar o I+D universitaria coas demandas empresariais, desempeñando un papel fundamental na xeración e transferencia de coñecemento en tecnoloxías da información nas comunicacións (TIC) cara ás empresas. Estrutúrase a partir dun padroado mixto que integra ás tres universidades galegas (A Coruña, Santiago e Vigo), ás seis das compañías máis importantes do sector TIC que operan en Galicia (Arteixo Telecom, Egatel, Indra, R, Telefónica e Televés) e á Asociación Empresarial Ineo, que á súa vez agrupa a un gran número de empresas galegas do devandito ámbito.

Jorge Cebreiros, presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP)
Jorge Cebreiros, presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP)
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta