Un sistema para vixiar desde o espazo o patrimonio natural galego

Investigadores da Universidade de Santiago presentan un método de seguimento ambiental da Rede Natura 2000 que integra información de satélite e datos 'in situ' de especies bioindicadoras mediante modelos matemáticos.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 10/08/2017 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

Un grupo de investigadores da Universidade de Santiago vén de probar e presentar un sistema para o seguimento ambiental da Rede Natura 2000 que integra información de satélite e datos in situ de especies bioindicadoras mediante modelos matemáticos, o cal podería axudar a avaliar a súa efectividade na conservación da biodiversidade e os seus hábitats. Os científicos aplicaron este sistema na provincia de Ourense e comprobaron que o uso combinado de datos de satélite dispoñibles libremente e de modelos de distribución de especies contribúe substancialmente á rendibilidade dos sistemas de monitoreo dos espazos naturais protexidos. 

Imaxe obtida a partir do satélite Sentinel-2 do 03 de agosto do 2017, abranguendo o sur de Galicia e norte de Portugal
Imaxe obtida a partir do satélite Sentinel-2 do 03 de agosto do 2017, abranguendo o sur de Galicia e norte de Portugal | Fonte: Adrián Regos.

O estudo, recentemente publicado na prestixiosa revista PlosONE, amosa como o desenvolvemento e aplicación de novos indicadores baseados no uso de imaxes de satélites como o 'Landsat' —hoxe en día dispoñibles de balde— e modelos de distribución de especies axudan a desenvolver un protocolo sistemático para o monitoreo das áreas protexidas de Galicia e doutras rexións. 

En concreto, o traballo consistiu en avaliar a eficacia da Rede Natura 2000 para conservar e preservar a representatividade de sete especies de rapaces nunha paisaxe altamente dinámica, entre 2001 e 2014. 

O traballo dos investigadores centrouse nos espazos da Rede en Ourense, que só cobre o 16.6% da provincia, un valor inferior ao 18% medio na Unión Europea, e considerablemente baixo se se compara co 30% que pode acadar noutras zonas, como Cataluña, apuntan os autores. Malia isto, os científicos puideron comprobar que as especies máis xeneralistas, así como as máis ligadas a medios forestais, amosaron un incremento dentro (e fóra) da rede de espazos protexidos.

Segundo Luís Tapia, coautor do traballo, “será fundamental establecer medidas proactivas de conservación nos ecosistemas naturais e seminaturais montanos (en particular, nas uceiras e toxais) se queremos asegurar a protección a longo prazo das especies ligadas a estes medios, como é o caso da tartaraña cincenta (especie que figura no anexo I da Directiva Europea Aves), e así cumprir coa actual lexislación ambiental europea”".

Ademais, “as novas misións de observación da terra da Axencia Espacial Europea, como o novo satélite SENTINEL-2, así como o recente auxe dos ‘drones’ (ou vehículos aéreos non tripulados) xunto coa xa ben establecida rede de satélites espaciais da NASA, ofrecen unha grande oportunidade para establecer sistemas de seguimento ambiental a un coste relativamente baixo, e a unha escala espacial e temporal sen precedentes”, conclúe Adrián Regos, autor principal do artigo e investigador post-doutoral da Universidade de Santiago.

O estudo está asinado por Adrián Regos ( CIBIO/InBIO, Universidade de Santiago)Luis Tapia (Universidade de Santiago), Alberto Gil-Carrera (GREFA - Grupo de Rehabilitación de la Fauna Autóctona y su Hábitat) Jesús Domínguez (Universidade de Santiago).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

está ben preocuparse pola flora e a fauna pero iso de ser proactivos sempre o esquecemos ! https://i.gal/gamela06 // Festival dos Eidos https://eidosfest.com