Por Xurxo Salgado | Baiona | 19/09/2017 | Actualizada ás 14:00
Toda unha parroquia levantouse en armas –dialécticas e administrativas-- contra un mega proxecto deportivo que poría en perigo mananciais de auga e espazos naturais. Trátase dun gran campo de Golf que o Concello de Baiona quere construir en Baredo e que conta coa total oposición dos veciños.
Esta parroquia ten, na actualidade, pouco máis de 1.000 habitantes. E en terreos da aldea o concello desenvolveu o Plan Especial das Costeiras, un proxecto que custaría 14 millóns de euros para impulsar un campo de golf. O documento ordena os 675.000 metros cadrados do maior complexo deportivo da provincia de Pontevedra cun campo de golf de 18 foxos e no resto, deseña unha piscina, pistas deportivas, un centro hípico e un espazo de deportes aéreos.
Este proxecto suporía a expropiación de 700.000 m2 de terreo comunal que pertence ao pobo e se producirían un movemento de terra de 200.000 m3. Unha situación que alteraría os mananciais e a condución da auga ata o pobo, xa que moita da auga servirían para regar o campo de golf. O consumo do campo de golf sería de 250.000 toneladas de auga ao ano, unha cantidade infinitamente superior ao que gastan as 400 casas da parroquia.
Contaminación da auga
Actualmente, Baredo dispón dunha rede de subministración privada cunha vintena de mananciais. Por iso, os veciños temen que, ademais, a pouca auga que chegaría ao pobo para uso doméstico estaría contaminada polo uso de produtos fertilizantes e fitosanitarios usados sobre o campo de golf --xa que este, está situado encima dos mananciais--. Os veciños lembran que existe un estudo elaborado polo Ministerio de Medio Ambiente, a Xunta de Andalucía e a Asociación Europea do Golf que apunta ao uso habitual de fertilizantes que, esparexidos polo terreo, acaban contaminando as augas superficiais e fíltranse na terra.
Por outra banda, o campo de golf tamén alteraría a paisaxe da parroquia e pecharía camiños tradicionais e lugares de paso de animais polo que tamén se vería afectada a fauna e a flora da contorna.
Os veciños recolleron xa máis de 200 firmas e máis de 350 alegacións para presentar no rexistro municipal e tamén activaron unha petición na plataforma Change.org na que contan xa con case 800 apoios para que o Concello de Baiona paralice este proxecto.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.