A obra de Saramago faise videoxogo en Galicia

Alumnos de Enxeñaría de Telecomunicación e Comunicación Audiovisual da Universidade de Vigo traballan na adaptación da obra 'A viaxe do elefante'.

Por Galicia Confidencial | Pontevedra | 25/09/2017 | Actualizada ás 17:15

Comparte esta noticia

Un videoxogo inspirado nunha das obras do Premio Nobel José Saramago? Os personaxe de 'A viaxe do elefante' cobrando vida na pantalla dun ordenador? Estas posibilidades deixarán en apenas un par de meses de ser conxecturas para converterse en realidade grazas á iniciativa posta en marcha polo grupo de innovación docente ComTecArt (Comunicación, Tecnoloxía e Arte) da Universidade de Vigo, un equipo multidisciplinar que arranca a súa actividade cunha experiencia onde alumnas e alumnos de Comunicación Audiovisual e de Enxeñaría de Telecomunicación traballan en grupos multidisciplinares para facer un videoxogo baseado nesta obra de José Saramago. A idea é poder presentar o primeiro nivel do videoxogo nas xornadas que a Cátedra Internacional José Saramago da Universidade de Vigo celebrará o vindeiro mes de novembro na cidade de Pontevedra, informa a institución académica viguesa.

Unha das sesións de traballo na Universidade de Vigo para adaptar 'A viaxe do elefante' de Saramago en videoxogo
Unha das sesións de traballo na Universidade de Vigo para adaptar 'A viaxe do elefante' de Saramago en videoxogo | Fonte: UVigo.

A iniciativa está coordinada polos docentes Antonio Pena, Enrique Costa e Juan Carlos Burguillo, da Escola de Enxeñaría de Telecomunición, e Beatriz Legerén e Mónica Valderrama da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. A maiores contan tamén coa colaboración do director da cátedra, o profesor da Facultade de Filoloxía e Tradución Burghard Baltrusch quen, admite que, dende o principio acolleron esta actividade “con moita ilusión” e, na medida das súas posibilidades, farán todo o que poidan por apoiala. “Tiven unha reunión xa cos participantes e tentei mostrarlles que na novela 'A Viaxe do Elefante', á parte dun conto con base histórica, hai todo un debate sobre a relación complexa entre realidade, ficción e historiografía, algo que tamén pode estar presente nun videoxogo”.

“Os videoxogos son algo que se imparte de forma multidisciplinar en practicamente todo o mundo, por iso quixemos abordalo deste xeito e non circunscribilo a un ámbito académico”, explica Beatriz Legerén, ao tempo que fai fincapé en que as e os participantes na iniciativa traballan exactamente igual que se traballaría nunha empresa de videoxogos. O alumnado de Comunicación Audiovisual vaise encargar de crear o deseño conceptual e de establecer todos os mecanismos de xogo, as regras, o aspecto artístico, o manual, os labores de comunicación, incluíndo a creación dun caderno de bitácora, canles de redes sociais... Pola súa banda, os da EE de Telecomunicación encárganse de facer e crear a interface do xogo e o xogo en si, é dicir, levar á realidade o que se está deseñando (alumnado da materia de Tecnoloxía Multimedia) e de programar os personaxes non xogadores do xogo (estudantes da materia Programación de Sistemas).

O obxectivo principal é facer traballar aos estudantes en grupos realmente multidisciplinarios en materiais non orientadas a iso. “Trátase de abrirlles a mente a traballar con xente aparentemente afastada a eles. Mesmo no Grao na EE Telecomunicación temos unha materia específica de último ano, Laboratorio de Proxectos, que tenta mesturar aos estudantes de varias mencións e sabemos de outra experiencia de materias específicas de proxectos mesturando estudantes da EE Industrial e da Facultade de Bioloxía, pero non temos constancia dunha experiencia tan ambiciosa, pola dificultade de xuntar mentes de ámbitos tan, aparentemente, dispares, involucrando tres materias de grao”, apunta o profesor Antonio Pena, que explica tamén que ás dificultades habituais engádeselle o problema da distancia física entre Vigo e Pontevedra “que solucionamos con moita vontade por parte de todos e o apoio da Universidade para ter un transporte semanal cara Vigo ou cara Pontevedra, alternativamente”.

PRAZOS

Creáronse grupos de seis persoas con dous estudantes de cada unha das materias. “As sesións conxuntas celébranse cada semana nun campus, logo teñen tamén clases pola súa conta nos tres casos”, explica Legerén, ao que engade que “cada profesor vai valorar ao alumnado polas súas sesións individuais e os contidos específicos da súa materia, pero outra parte da nota vai ser por este traballo conxunto que van facer entre todos”, engade a docente.

As materias son cuadrimestrais, polo que os prazos nos que se moven están delimitados por este marxe temporal. “Faremos un seguimento con reunións quincenais e observación da actividade na contorna de xestión de proxectos que usarán”, explica Pena, ao que engade que que a idea é ter unha "beta" xogable de cada videoxogo a finais de novembro, para levar a cabo os últimos axustes na primeira semana de decembro, antes dos exames. “A intención é facer públicas as versións para que calquera poida xogar e dar a súa opinión”, engadiu Pena.

ComTecArt

O grupo ComTecArt (Comunicación, Tecnoloxía e Arte) constituíuse o pasado mes de xuño e agora mesmo fórmano tres profesores da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, tres da EE Telecomunicacion e catro da Facultade de Belas Artes.

O xermolo desta agrupación ven dunha charla de café dos profesores de dúas materias que tratan o tema dos videoxogos, Beatriz e Antonio, unha desde o punto de vista narrativo e interactivo, Videoxogos, optativa do 4º curso do Grao en Comunicación Audiovisual, e outra desde un punto de vista tecnolóxico, Tecnoloxía Multimedia e Computer Graphics, optativa do 4º curso no Grao en Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación, mención en Son e Imaxe. A continuación sumouse unha segunda asignatura de Telecomunicación, Programación de Sistemas Intelixentes, optativa do 4º curso na mención de Telemática.

A esta primeira iniciativa de creación do videoxogo, seguiranlle outras. “Probablemente a actividade máis inmediata sexa a proposta de Traballos Fin de Grao multidisciplinarios este mesmo curso”, adianta Pena.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta