Como son as relacións económicas entre Galicia e Cataluña?

Os galegos importan máis dos veciños cataláns que eles de nós. O pasado ano, Galicia importou bens por valor de 1.179 millóns de euros de Cataluña, un 13,4% do total. Esta nacionalidade é, na actualidade, o principal motor económico do Estado, con case o 20% do PIB total.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 04/10/2017 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

As relacións entre Galicia e Cataluña a nivel económico son moi estreitas. Ambos os dous mercados manteñen importantes relacións comerciais desde hai anos e os fluxos económicos son contínuos. Con todo, hai unha importante diferencia entre o volume económico dun e doutro mercado. Cataluña representa o 18,9% do PIB español. É a comunidade con maior peso, lixeiramente por encima de Madrid (18,8%), e moi lonxe do 5,2% que achega Galicia. 

O ex president da Generalitar, Artur Mas, e Alberto Núñez Feijóo
O ex president da Generalitar, Artur Mas, e Alberto Núñez Feijóo | Fonte: elconfidencial

De feito, Catañuña é a nacionalidade que máis vende ao resto das autonomías ata o punto de propiciar que teña o mellor saldo comercial do Estado, un superávit de 17.900 millóns de euros, segundo un informe de Convivencia Cívica Catalá con datos do Centro de Predición Económica (CEPREDE). De acordo cos saldos comerciais que mostra o documento, titulado "O comercio entre as autonomías", oito comunidades terminaron 2016 con cifras positivas, pois venderon a outras autonomías por máis diñeiro do que empregaron para comprar.

Cataluña é a que sae mellor parada e acto seguido aparecen Andalucía, cun saldo a favor de 8.084 millóns, e Galicia, con 6.464. Tras elas, Castela e León, con 2.990 millóns; Castela-A Mancha, con 2.807; Navarra, con 1.844; Murcia, con 1.735: e País Vasco, con 683.O resto das comunidades teñen resultados negativos, e entre elas sobresae Madrid, pois a diferenza entre o que comprou e o que vendeu reportoulle un déficit comercial de -13.585 millóns de euros.

Vantaxe para Cataluña

No caso de Galicia, e aínda que ten unha balanza económica mellor que o conxunto de España, o certo é que sae perdendo na súa relación con Cataluña. O pasado ano importou bens por valor de 1.179 millóns de euros de Cataluña, un 13,4% do total, mentres que o mercado catalán só representa o 10,5% das exportacións galegas no conxunto do Estado.

A exportación galega de mercadorías supuxo un valor de 12.371,56 millóns de euros nos sete primeiros meses de 2017; que implica un incremento nominal, do 9,29% respecto ao valor rexistrado no mesmo período do ano anterior. Este incremento é lixeiramente superior ao rexistrado pola exportación española (9,14%), polo que Galicia incrementou  lixeiramente o seu peso dentro da mesma (situándose no 7,59%), manténdose como a sexta comunidade autónoma dentro da exportación nacional (por detrás de Cataluña, Comunidade Valenciana, Andalucía, Madrid e País Vasco). É un peso económico moi superior ao seu peso no conxunto do Estado. Con todo, estes datos dilúense se se comparan cos  do comercio interno entre autonomías. Nese caso,  Galicia deixa de estar na cabeza para pasar á cola.

Importacións

A importación de Galicia xerou 10.038,34 millóns de euros nos meses de xaneiro-xullo de 2017, segundo o ICEX, que supuxeron unha subida interanual moi alta (do 13,75%, en termos nominais), sendo 2 puntos superior á que rexistrou a importación española (con taxa de crecemento do 11,80%); polo que, dentro desta, aumentou o peso de Galicia, ata situarse no 5,70%, continuando en sexto lugar por CCAA (por detrás de Cataluña, Madrid, Andalucía, Comunidade Valenciana e País Vasco).

Do total da importación galega, os produtos enerxéticos (1.429,19 millóns de euros) supuxeron o 14,24% e o non enerxéticos (8.609,15 millóns de euros) o 85,76%. A evolución interanual da importación enerxética mantivo unha taxa de crecemento extraordinariamente alta (68,87%); en tanto a importación non enerxética rexistrou un ritmo de crecemento alto (7,90%). 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta