Por E.P. | Santiago de Compostela | 30/10/2017 | Actualizada ás 15:05
Santiago acollerá entre o 7 e 28 de novembro unha nova edición do festival Cineuropa, que no seu XXXI aniversario dedica como eixo temático ás grandes revolucións políticas e sociais a través dunha proposta con 264 películas en 17 seccións. O cineasta greco-francés Costa-Gavras será, ademais, un dos premiados no evento, e que o director do festival, José Luís Losa, situou como "reforzo" desa "idea de revolución" que predomina nesta edición.
Deste xeito, destacou o seu papel como "cineasta político no máis amplo sentido" da expresión, cuxa obra traspasa as fronteiras da pantalla para influír "na vida real" e no mundo que lle rodea, autor de films como 'Missing' (enmarcada no golpe de estado de Pinochet), 'Amen', 'Estado de sitio' ou 'Mad City'.
Os premios Cineuropa recoñecerán tamén a figuras como Manuel Martín Cuenca, Leonardo Sbaraglia ou Carla Simón que protagonizarán varias sesións de proxección con entrada libre para o público, previa retirada de invitacións no Teatro Principal.
En suma, esta 31 edición traerá 264 films ao sete sedes que proxectarán as pezas este ano e que, ademais do Teatro Principal, o Salón Teatro, o Centro Galego de Arte Contemporánea, a sede de Afundación, o Auditorio de Galicia e a sala Númax, incorporará aos Multicines Compostela.
PRESENZA FEMININA
A cita abrirase o próximo 7 de novembro coa proxección de 'La Villa', do director Robert Guédiguian, ás 20.00 horas no Teatro Principal.
Do total de proxeccións, 105 serán estreas (42 óperas primas) e 52 deles serán propostas dirixidas por mulleres, que para Losa supón "o inicio da normalización" da presenza feminina nestes eventos, incluíndo a preestrea de 'A estación violenta' da galega Anxos Fazáns, rodada entre Compostela e a illa de San Simón.
A sección oficial incluirá 37 films cos últimos traballos de autores como Robin Campillo, Pedro Pinho, Mathieu Amalric, Roberto de Paolis, Léonor Serraille, Xavier Legrand, Philippe Garrel, Andrei Zvyagintsev, Amanda Kernell, Kantemir Balagov, Ruben Östlund, Joachim Trier, Katarina Zrinka Matijevic, Claire Denis e Agnes Vardá e JR.
O festival abarcará, ademais, diversas figuras internacionais como Cristiane Oliveira, Marco Dutra, Frederick Wiseman ou a estrea do último traballo de Clayde Lanzmann, 'Napalm', ou 'Lucky', de John Carroll Lynch.
SECCIÓNS E NOVIDADES
Xunto a estes programas, regresarán seccións como LatidoAmericano, Fantastique Compostela, Docs Cineuropa, Panorama Audiovisual Galego (con 27 films de creadores de Galicia), Cinefilias: Cult Movies ou o Maratón.
Este ano, en consonancia coa temática do evento, realizarase o ciclo 'Novecento: ou século das revolucións' que reunirá máis de 70 películas para tratar de abarcar as diversas revolucións do século XX, desde a chinesa, a soviética e a cubana até outras importantes desde a óptica dos dereitos civís e sociais, como o 'black power'.
Entre elas, 'O acorazado Potemkin' de Sergei M. Eisenstein, 'La Chinoise' de Jean Luc Godard ou 'A Batalla de Chile' de Patricio Guzmán.
Outra das novidades será a constitución dun 'Xurado Novo', composto por mozos de entre 18 e 25 anos e que entregarán premios á mellor película, mellor director, mellor guión, mellor interpretación feminina e mellor interpretación masculina.
As entradas e abonos, que manteñen o seu prezo respecto da pasada edición, estarán á venda a partir da tarde do venres tanto en despachos de billetes como a través de Internet.
"UN ORGULLO" PARA COMPOSTELA
A programación oficial do festival foi presentada este luns, en rolda de prensa, en Santiago de Compostela.
O rexedor local, Martiño Noriega, trasladou o "orgullo" da cidade por contar cunha proposta desta magnitude, destacando que esta nova edición é "máis ambiciosa que nunca" con "grandes nomes internacionais".
Trátase ademais da primeira vez que o evento conte co apoio económico da Deputación coruñesa, cuxa presidenta, Goretti Sanmartín, concretou nunha subvención de 72.000 euros.
Así mesmo, avanzou que o Teatro Colón da Coruña acollerá unha selección do "mellor de Cineuropa" o próximo 7 de decembro, iniciativa similar á que se realizou respecto ao festival Curtocircuito.
Finalmente, a concelleira Branca Novoneyra valorou que o festival se sitúe como xanela "un ano máis" do panorama fílmico galego, ofrecendo un espazo a un sector que necesita "visibilización".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.